Por Europa Press / Redacción | Galicia | 14/03/2023 | Actualizada ás 18:51
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este martes que é necesario compatibilizar "a preservación dos ecosistemas" coas novas oportunidades "económicas e laborais" que presentan os novos proxectos e propostas para o sector da enerxía eólica mariña.
"Xa sabiamos o enorme potencial e posibilidades da eólica offshore aquí e que vai supor moitísimos postos de traballo, moitos cualificados", esgrimiu, antes de recalcar: "Non imos deixar pasar esta oportunidade, pero seremos absolutamente esixentes coas formas de facelo, pero esta oportunidade temos que aproveitala".
Así o trasladou en Somozas, na nave que acaba de adquirir a empresa Nervión Naval Offshore, do Grupo Amper e que agora será dedicada a construción de pezas de estruturas para eólica mariña.
INVESTIMENTO
"Este acto ten moita carga de simbolismo, estamos a falar dun investimento moi importante, de moitos postos de traballo neste proxecto, nesta zona, ademais, tan necesitada despois de tantos anos tan duros e de tan malas noticias", continuou o presidente galego; á vez que destacou a importancia do Grupo Amper e a súa división Nervión Naval Offshore.
Roberto Bouzas, director de Nervión Naval Offshore, asegurou que "esta nave é a segunda parte do proxecto de eólica mariña para Ferrolterra", xa que o primeiro atópase no porto exterior de Ferrol e dedicarase á ensamblaxe das estruturas para este sector, xerando entre ambos os máis de 400 postos de traballo, entre os 300 do complexo portuaria e "os máis de cen que necesitaremos para sacar adiante a demanda de produción que contamos con recibir nas Somozas", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.