Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/01/2015 | Actualizada ás 19:43
Hai poucas cousas que susciten a total unanimidade da fragmentada oposición do Parlamento galego e a sanidade é unha delas. PSdeG, AGE, BNG e Grupo Mixto coincidiron este martes nas súas críticas á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pola saturación das urxencias e o trato aos pacientes de hepatite C. Por iso, reclamaron unánimemente a súa dimisión.
Foi durante unha sesión plenaria extraordinaria onde Mosquera explicou que a situación das urxencias é por unha maior rapidez no desenvolvemento da epidemia de gripe desta tempada sobre anos anteriores. Sobre os pacientes con hepatites, subliñou que todos os que cumpren os criterios están a ter e seguirán tendo o tratamento que precisan.
Así, lembrou que o Sergas atendeu na PAC a 19.157 pacientes máis que na tempada anterior e 3.185 máis nos servizos hospitalarios, cunha apertura de 341 camas adicionais, 277 contratas de profesionais e 348 derivacións máis aos centros concertados.
Sobre a hepatite C, sinalou os avances farmacolóxicos, con tratamentos máis eficaces, que en 2015 chegan a máis do 90%. "Este é un problema de Estado, que supera o ámbito do propio Estado español e convértese nun problema de todos os Estados", sinalou.
Uns argumentos que non aceptaron os grupos da oposición. A socialista Carme Acuña subliñou que a situación é de "colapso" e "caos xeneralizado e mantido no tempo", nun escenario de desmantelamento da sanidade pública e privatización.
Pola súa banda, a deputada de AGE Eva Solla lembrou que desde que chegou Núñez Feijóo ao Goberno reducíronse na sanidade pública 374 millóns de euros, suprimíronse 2.000 traballadores e pecháronse 450 camas.
A deputada do BNG Montse Prado denunciou tamén o "desmantelamento" do sistema público de sanidade por parte do PP e as deputadas do grupo mixto Carmen Iglesias e Consuelo Martínez cualificaron de "caótica" a situación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.