O Concello de Ourense replica, sobre o caso do rei Baltasar, que as resolucións da Valedora "non son vinculantes"

A Valedora concluíu que o Concello debería pedir o certificado de delitos sexuais para participar na Cabalgata de Reis

Por E.P. | Ourense | 17/03/2023 | Actualizada ás 19:14

Comparte esta noticia

O Concello de Ourense manifestou este venres, despois da resolución da Valedora do Pobo que conclúe que o Concello de Ourense debería pedir o certificado de delitos sexuais para participar na Cabalgata de Reis, que dita institución emite suxestións "sen carácter vinculante".

Nunha extensa resolución á queixa presentada polos socialistas o pasado 17 de xaneiro, a Valedora ratificou que "é necesario dispor de certificación negativa de delitos sexuais" , por tratarse de "unha actividade fundamentalmente dirixida a menores e que mesmo supón contacto físico".

Neste sentido, a resolución esgrimía que a participación desta persoa na cabalgata do pasado 5 de xaneiro en Ourense vulnerou a Lei Orgánica 8/2021 de Protección Integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia.

O Concello de Ourense difundiu este venres un comunicado respecto diso, no que insiste en que a Cabalgata de Reis organízase "unicamente" durante a tarde do 5 de xaneiro de cada ano, "sendo por tanto un acto puntual e non habitual".

Ademais, expoñen que os Reis Meigos e a súa comitiva "desfilan separados do público por un valado de seguridade" e "só saúdan a algúns nenos ao final do percorrido" e "sempre en presenza de pais ou titores" deses nenos e "doutras moitas persoas adultas, nun marco dun acto público e masivo".

SEN FUNCIÓN "DE TIPO COERCITIVO"

Lamentan que a valedora "non comparta" os criterios expostos pola Alcaldía, pero no entanto lembran que Valedora do Pobo "é un cargo de designación política" e que "non exerce función de tipo coercitivo senón de advertencia, recomendación ou suxestión".

Insisten en que se limita á supervisión das actividades das administracións en aplicación do seu criterio, "que exerce con independencia", polo que as suxestións que emite "non teñen carácter vinculante".

Cabalgata Reis Magos en Ourense
Cabalgata Reis Magos en Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta