A Mesa denuncia que o programa para libros de texto dixitais "veta o galego"

Di que se introduciron sete novas materias en castelán.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2023 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O programa para libros de texto dixitais, Edixgal, "veta o uso do galego" nos centros de ensino, segundo un informe elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística. O estudo, elaborado pola estudante de Filoloxía Galega Nuria Fouciños e coordinado polo presidente da plataforma, Marcos Maceira, analiza e compara os proxectos lingüísticos publicados nas páxinas web dos centros educativos cos libros e manuais utilizados nas materias.

Estes documentos, de acceso público, expoñen o programa e medidas relacionadas co fomento da lingua galega nos centros, a decisión en canto ás materias impartidas en cada idioma, os obxectivos e a liña de actuación durante o curso escolar.

Así, comprobaron que o 60% dos centros educativos teñen desactualizados estes proxectos, que deben de renovarse cada catro anos, ou non ofrecen información respecto diso. Tamén, o artigo 14.3 do Decreto de plurilingüismo establece a inspección destes proxectos por parte da Consellería de Educación, unha avaliación que Maceira sentenciou "non existe".

INCUMPRIMENTO DA EQUIDADE

En canto á distribución horaria das materias en Educación Secundaria, o decreto determina unha división das linguas "equitativa", que Maceira asegura que "non se cumpre, xa que tanto a LOMCE como a LOMLOE outorgan maior carga horaria a aquelas materias nas que o uso do galego está directamente prohibido".

Unha situación que desde a plataforma anunciaron que "empeora" co programa para libros de texto dixitais, Edixgal, no que a presenza de materias en castelán é "moi superior", con 52 horas no conxunto da ESO, fronte a 29 en galego e 16 noutras linguas.

Nesta liña, engadiron que Edixgal inclúe "un novo veto ao galego" ao introducir o castelán en sete novas materias, o que "incumpre o marco legal e frustra calquera intento do profesorado por corrixir esta situación".

Con todo, A Mesa acusou ao Goberno autonómico de levar a cabo "unha política de eliminación paulatina, intencionada e calculada da lingua galega nas clases" e de manter unha "actitude de negativa constante cara á avaliación do funcionamento do decreto".

A Mesa pola Normalización presenta o novo informe sobre a presenza do galego nos centros educativos
A Mesa pola Normalización presenta o novo informe sobre a presenza do galego nos centros educativos | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta