Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/03/2023 | Actualizada ás 11:27
O pai dun mozo falecido no accidente do tren Alvia ocorrido hai case 10 anos en Angrois, á entrada de Compostela, pediu á xuíza unha sentenza "exemplar", para que "non volva pasar" que haxa quen "firme en barbeito".
No xuízo polo sinistro ferroviario que ocasionou 80 mortos e 140 feridos, que afronta agora a parte de responsabilidade civil, a titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, respondeulle que entende a súa "loita", pero que "se cadra era outra xurisdición" a que correspondía, tras queixarse de "reproches".
O comparecente, Rogelio Bernardo Brotón, é un dos membros máis activos da plataforma de vítimas, e relatouque o único que lle "alivia" a "dor inmensa" da perda do seu fillo, que era tripulante de cabina e por tanto estaba a traballar o día da traxedia, é ir ao cemiterio cada semana e contarlle "a loita" que están a librar, "sempre colaborando coa xustiza".
Por iso pediu á maxistrada unha sentenza "exemplar", xa que, de non ser así, haberá quen volva asinar " en barbeito", afirmou, en alusión a un dos dous procesados, o ex director de seguridade da empresa pública Adif, Andrés Cortabitarte.
A continuación foi a quenda da nai do mozo, quen lembrou, emocionada, que o seu fillo lles transmitía tranquilidade ao asegurar que viaxaba nun tren con sistema de freado "automático", entre outras cuestións. "Que non volva pasar isto a ninguén porque isto é insoportable", recalcou.
"NON HABERÁ SENTENZA QUE LLES SATISFAGA"
Na súa intervención, Rogelio Bernardo Brotón trouxo a frase que esgrimiu a xuíza esta mesma semana. "Pareceume escoitar que alguén dixo nesta sala que non haberá sentenza que nos satisfaga ás vítimas", indicou, para engadir que, na súa opinión, isto non é así, e que o que el persoalmente busca é unha sentenza "exemplar".
A xuíza, nese momento, asegurou entender a súa "dor" e tamén a súa "loita", pero rexeitou que se lle fagan "reproches". "Non lle fago reproches, todo o contrario, sempre colaboramos coa xustiza", replicou esta vítima.
Previamente, o martes, a outros dous pais, incidiulles ao igual en que "isto é un xulgado do penal" e "debátense as responsabilidades que procedan", pero subliñoulles que "todo ese periplo político, todas esas queixas que teñen cara ao trato recibido por institucións e demais, todo iso queda fóra" do seu ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.