“Imprimimos un pemento de Padrón de case un metro de longo”, Jesús Carnota

Coñecemos ‘Pedronia’, un proxecto de impresión 3D que naceu na Coruña e grazas ás horas de confinamento da pandemia. Os artífices son Jesús e Xosé Carnota, dous irmáns que compaxinan este novo oficio coas súas profesións de informático e deseñador gráfico-publicitario respectivamente.

Por X.M. Fernández | A Coruña | 12/04/2023 | Actualizada ás 09:24

Comparte esta noticia

Contactamos con Jesús Carnota, un coruñés que traballa no departamento de grafismo de Voz Audiovisual e fai posible que series ou programas como o “Atrápame se podes” entren polos ollos grazas á súa cartelería, rotulacións, merchandising...

Jesús e Xosé Carnota co 'Pemento de Padrón en 3D'. Foto cedida.
Jesús e Xosé Carnota co 'Pemento de Padrón en 3D'. Foto cedida.

Co tempo libre do confinamento, el e seu irmán, Xosé Carnota, decidiron afondar nos coñecementos da impresión 3D e como quen non quere a cousa pasaron de facer ‘suxeitamáscaras’ personalizados a outros encargos máis atrevidos. “Un dos encargos máis curiosos que nos fixeron foi para un dos maiores coleccionistas de bonecos Airgam Boys de España”, cóntanos Jesús lembrando tamén que “tamén nos tocou escanear un pemento de Padrón para imprimir un de case un metro de longo”.

Falamos con Jesús máis polo miúdo de Pedronia e deste novo oficio no que se está a converter a impresión 3D.

Cando e como xurdiu a idea de crear Pedronia?

A idea xurdiunos ao meu irmán e a min. O meu irmán é informático e eu son deseñador gráfico-publicitario. En plena pandemia e con moitas horas de confinamento por diante, quixemos ampliar coñecementos en algo no que nos puidésemos implicar os dous, que fose actual e que tamén puidese ser produtivo. E metémonos no mundo da impresión 3D.

Figura de Arsenio Iglesias. Foto: Pedronia.
Figura de Arsenio Iglesias. Foto: Pedronia.

Os nosos primeiros traballos foron suxeitamáscaras personalizados. Así xurdiu Pedronia

Con que traballos vos atrevedes e que tipo de encargos recibides?

En Pedronia atrevémonos co que sexa, é máis, gústanos que nos poñan a proba. Os encargos que adoitamos recibir son sobre todo para realizar pezas orixinais para tiradas pequenas ou medianas. É o bo que ten a impresión 3D, non fai falta producir gran cantidade de pezas para que sexa rendible e pódense facer cousas realmente creativas.

Temos bastantes encargos de trofeos e medallas para competicións nas que non necesitan unha gran cantidade de unidades, pero si queren que sexan moi orixinais. E tamén para eventos nos que queren algo que non sexa moi usual e  que marque a diferenza con outros.

Supoño que trunfan os detalles personalizados. Cóntanos.

O bo da impresión 3D é que se poden facer obxectos personalizados e tiradas pequenas, mesmo dunha soa unidade a un prezo que por outros sistemas non sería rendible. A personalización con impresión 3d, pode ir desde pór un nome a un chaveiro a crear miniaturas para maquetas que non se poden atopar á venda.

"O bo da impresión 3D é que se poden facer obxectos personalizados e tiradas pequenas, mesmo dunha soa unidade a un prezo que por outros sistemas non sería rendible"

E se unes a impresión 3D con outras técnicas como o escaneo 3D e unha boa postprodución da peza, as posibilidades son ilimitadas

Algunha creación da que esteades especialmente orgullosos?

A verdade é que temos feito cousas moi chulas, pero unha da que nos sentimos máis orgullos son uns trofeos que fixemos para unha competición de escalada no muro do Dique de Abrigo do Porto da Coruña.

Para facer este trofeo combinamos varios elementos. Por unha banda usamos pedra da Terra, uns bloques de granito similares aos do muro onde se fixo a competición e lousa onde gravamos o logo da competición. E por outra banda creamos uns pés de gato 3D en dourado, prateado e bronce. Así combinamos algo tan tradicional como a cantaría, novas tecnoloxías como a impresión 3D, materiais de Galicia, que todos os trofeos foran diferentes, xa que cada bloque tiña unha forma distinta e todo iso relacionado coa escalada, que era o tema principal.

O que máis nos gusta en Pedronia é mesturar. Combinar varias técnicas, distintos materiais e así crear algo único.

E algunha anécdota curiosa que se poda contar a raíz dalgún encargo?

Un dos encargos máis curiosos que nos fixeron foi para un dos maiores coleccionistas de bonecos Airgam Boys de España, e foi o deseño e a impresión duns cascos para unha colección histórica que estaba a facer e que recrea aos Terzos de Flandes. Non atopaba por ningún lado un casco que se adaptase ao que quería nin as á medida da cabeza dese. Nós fixémosllos.

"Un dos encargos máis curiosos que nos fixeron foi para un dos maiores coleccionistas de bonecos Airgam Boys de España..."

Tamén nos tocou escanear un pemento de Padrón para imprimir un de case un metro de longo. E agora temos un proxecto para escanear un percebe para  imprimilo en grandes proporcións.

Para defenderse nisto da impresión 3D haberá que ter uns coñecementos previos de deseño, deseño técnico... Ou non necesariamente?

Se só se quere imprimir en 3D pódese empezar de cero seguindo algúns tutoriais que se poden atopar por internet. A curva de aprendizaxe é un pouco lenta ao principio, pero unha vez controlados uns parámetros básicos xa se poden facer grandes cousas

Se se queren crear pezas propias xa farían falta coñecementos máis avanzados, pero nada que non se poida aprender. A min, como deseñador gráfico, desenvolver pezas técnicas cústame máis que ao meu irmán, por exemplo, que ten máis coñecementos de deseño técnico; pola contra, a el cústalle máis crear pezas artísticas, pero iso non quita que eu me aventure a facer pezas técnicas e el artísticas. É coma todo, só hai que botarlle tempo e ganas.

"Se só se quere imprimir en 3D pódese empezar de cero seguindo algúns tutoriais que se poden atopar por internet"

Canto hai de reprodución e canto de deseños propios neste mundo dos 'makers'?

Iso depende cara a onde te queiras orientar. Se só queres imprimir hai moitas páxinas onde podes atopar todo tipo de pezas que se poden usar libremente. Se queres facer cousas máis orixinais e diferentes, xa tes que facer os teus propios deseños.

Rexistrades como obra algún dos vosos traballos para protexelos dende o punto de vista da Propiedade Intelectual?

É unha opción que barallamos, aínda que por agora non rexistramos ningunha das nosas obras. Temos en mente uns proxectos propios que desenvolveremos en breve, que si temos intención de rexistralos.

Pedronia dá para vivir ou de momento é unha afección que vai camiño de ser rendible economicamente?

Bueno, por agora non nos fai ricos, aínda que esperamos que non tarde moito (ri). O mundo da impresión 3D aínda é novo e a xente, pouco a pouco vai vendo todo o potencial que pode ter. A medida que se vaian coñecendo todas as súas posibilidades, o negocio do 3D será máis produtivo.

"O mundo da impresión 3D aínda é novo e a xente, pouco a pouco vai vendo todo o potencial que pode ter"

Aínda que non nos forremos, o mundo 3D é algo co que desfrutamos moito e sácanos a nosa faceta máis creativa, e iso tamén vale moito.

Cres que chegarán a popularizarse as impresoras 3D ata o punto de termos todos unha na casa, ou seguirá sendo un tema de afeccionados e profesionais?

Os prezos das impresoras 3D son cada vez máis populares e accesibles a calquera persoa, xa non é un obxecto de “luxo”. Quizais non sexa a moi curto prazo, pero eu creo que nuns anos será tan habitual ter na casa unha impresora 3D como unha de papel.

Medallas feitas por encargo. Foto: Pedronia.
Medallas feitas por encargo. Foto: Pedronia.
Bañeira 'vintage' en miniatura. Foto: Pedronia.
Bañeira 'vintage' en miniatura. Foto: Pedronia.
Trofeo deseñado para unha competición de escalada no muro do Dique de Abrigo do Porto da Coruña. Foto: Pedronia.
Trofeo deseñado para unha competición de escalada no muro do Dique de Abrigo do Porto da Coruña. Foto: Pedronia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta