Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 12:44
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), e A Mesa pola Normalización Lingüística intervirán o vindeiro 20 de abril no Intergrupo de linguas minorizadas do Parlamento europeo, composto por eurodeputados de todos os grupos parlamentares (NI,PPE, Renew,ECR, Verds-ALE,ID e SD).
Soliña Barreiro por parte da USC, Xosé Lois Ledo en nome da Agapi e Marcos Maceira como portavoz da Mesa desprazaranse ata a Cámara europea para dar a coñecer as dificuldades que supón a nova lei audiovisual para a normalización do galego e para a supervivencia do sector audiovisual galego. Os tres intervintes instarán a que a resolución do Parlamento europeo sobre a aplicación da directiva europea garanta a igualdade de condicións para todas as linguas propias.
Segundo trasladou A Mesa pola Normalización Lingüística, o seu portavoz aproveitará a intervención para denunciar a vulneración do principio de pluralidade lingüística e cultural contido na directiva europea por parte do Goberno español, tanto na aprobación da Lei audiovisual como no incumprimento dos seus mínimos por CRTVE. Despois da comparecencia, Maceira e outros representantes da Mesa manterán un encontro co Secretariado do Consello de Europa para Carta Europea das Linguas na sede do organismo internacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.