Día Internacional da Lingua Materna

Vinte e sete de xaneiro de 1952: Paquistán Occidental impón o urdu, negando estatus de oficialidade ó bengalí, falado por máis da metade da poboación. O pobo non tarda en saír ás rúas en protesta, ó que o goberno resposta ilegalizando as manifestacións.

Por José M. Castro | Lugo | 21/02/2015

Comparte esta noticia
No vinte e un de febreiro dese mesmo ano, organizacións de estudantes e de mulleres deciden arriscar as súas vidas en manifestacións pacíficas en Dhaka, en defensa da súa lingua. O resultado foi unha implacábel acción policial que causou arredor dun cento de feridos de bala, cun total dunha ducia de mortos. A consternación popular manifestouse nun espontáneo paro xeral (incluíndo xulgados, transportes e estacións de radio), e na erección dun monumento no lugar das mortes, o "Sohid Minar", dous días despois. A destrución do monumento orixinal por parte da policía non foi abondo disuasoria, pois non só sería erixido de novo no mesmo lugar, senón tamén noutras localidades.
 
Creamos e mantemos organizacións internacionais para atopar consensos sobre análises, obxectivos e normativas que nos afasten de barbaries como a cometida no vinte e un de febreiro de 1952 en Dhaka. Dinos a ciencia que a humanidade se expresa de xeito natural a través de modos extraordinariamente diversificados de culturas, sociedades e civilizacións, até o punto de comprendermos a diversidade como unha propiedade inherente á humanidade mesma.
 
Os contactos entre culturas permiten xenerosos intercambios entre elas. É por iso que o contacto entre culturas non é sinónimo de conflito. Mais non debe escapar ós nosos ollos que estes intercambios serán posíbeis só na medida en que a cada cultura se lle permita empregar as ferramentas que precisa para perpetuar a súa orixinalidade ó longo das xeracións. Ó tempo que incorporamos achegas doutras culturas, tamén sentimos a necesidade de percibir que os limiares que nos serven de ponte con elas están ben delimitados. É por iso que o contacto entre culturas tampouco é sinónimo de homoxeneización. Culturas e linguas responden á necesidade de comunicación interna tanto como á de identidade en relación a outros grupos. Así o exteriorizaron os bengalí-falantes do antigo Paquistán Occidental, que tras dúas décadas escasas dunha loita orixinada nos acontecementos do vinte e un de febreiro de 1952 lograron o establecemento do estado de Bangladesh.
 
No 1999, a UNESCO declarou o vinte e un de febreiro como Día Internacional da Lingua Materna, para celebrar a defensa do idioma bengalí e para que o mundo enteiro renda tributo ó Movemento pola Lingua Bengalí e ós dereitos etnolingüísticos dos pobos do mundo. Nesa mesma data, ás 11:30h na Casa do Saber de Lugo, secundamos no presente ano esta chamada de atención sobre a diversidade cultural e lingüística cunha mesa redonda sobre riqueza lingüística e ensino.
 
Menosprezar a diversidade cultural implica en última instancia negar a humanidade. Para evitarmos caer nesta negación é necesario un certo estado de alerta, un antídoto fronte ó devastador etnocentrismo que nos impide percibir a transcendencia real da diversidade cultural. Atopemos ese antídoto nos consensos internacionais, que nos ofrecen o dereito a esixirmos tolerancia activa para defendermos a perpetuación da xenerosa achega da nosa cultura á civilización mundial. A ciencia conclúe que a nosa lingua non precisa de compaixón nin de baleiras declaracións de intencións. Precisa, pola contra, de accións concretas e de probada eficiencia como a inmersión lingüística, que nun contexto sociolingüístico no que o ensino do castelán está sobradamente garantido, permitirá que o galego siga florecendo ó longo das xeracións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José María Castro Son licenciado en Matemáticas e Bioloxía e realicei un doutoramento en Bioloxía Evolutiva na USC. Tras traballar como postdoutorando e profesor asociado en Alemaña e Suecia, regresei a Galiza cun contrato de investigación Isidro Parga Pondal. Realicei estadías en universidades de Cuba, Estados Unidos, Escocia, Portugal e Brasil. Actualmente son Persoal Docente e Investigador da Facultade de Veterinaria da USC e desenrolo colaboracións con investigadores de ciencias sociais.