Temas: MúSICA

Alba María

Alba Maria é estudante de Filologia na USC, estudante na Escola Livre da Mpg e compositora criada entre Vigo-Lugo que leva dentro de si tantas vozes e mulheres como o seu nome indica, as mil e uma alboradas e as mil e uma etimologias de Maria. Quedo-me neste caso para apressenta-la com os vocáblos hebreos "mir" e "yan", a luz sobre o mar.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 01/03/2015 | Actualizada ás 11:11

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Alba María
Alba María
Alba María no Culturgal (Pontevedra)

Comedora de caldo e amante das palavras e melodias que a conventem numa fiandeira fina, paixonal, exuberante, audaz, sutil, comprometida sem evidencias e com prodigioso talento natural para fazer coplas e canzons, apressenta-se na música do pais conscente de que a sua arte dirige-se á aceptazom própria como primogénito início. Semelha que Alba está na nova era da con-inspiraçom e do compartilhar e comeza polo sam conhecimento de si mesma a traves da música, polo tanto sem aleccionar. Ao meu entender, nom hà maior nivel de honestidade na incursom artística.

Concertei esta entrevista por admiraçom e porque a primeira vez que a vim cantar no desaparecido local de aCentral Compostela foi quando me propuxo Úrsula (coordinadora deste Tendencias de Galicia Confidencial) escrever as Cobrantas. Assim mostro-vos a constelaçom dos processos e aqui deixo o sentir desta nova estrela do mar, asteroidea do fundo galego.

Xovencisima Alba que nos traes interesantes composizons de hoje para manha, reflexivas e dislumbrando destreza literária. Dime estrelinha qué comes, onde ta a tua aldeia e onde aprendes sobre os ventos?

Como e bebo do pan de todo o mundo, do pan musical que canta e conta as realidades dentro da realidade común. Por iso gosto de todas as augas que os pobos colectivamente crearon. Venme á cabeza a man do guitarrista que se move coma unha á de paxaro cando toca unha chacarera arxentina, as inspiracións e respiracións do Frank Sinatra que me aprendeu inglés na miña adolescencia, ou unha única polca canaria que chegou a min a través da boca da miña nai e foi o único que gardei do meu insospeitado nacemento por aquelas illas. Venme o swing e venme a muiñeira; venme o son cubano e venme o romance; véñenme as ondas do mar de Vigo que me criaron, mesturadas coa voz da miña avoa cando cantamos as dúas "La violetera" mentres bullamos as patacas alá na miña aldea do sur de Lugo, Tuiriz.

A regueifa, qué espazo ocupa no teu universo diario e que botas em falta na sua expansom?

A regueifa está comigo en todos os momentos, a maioría deles na intimidade. Improviso moito ao longo do día: cando cociño, na ducha, ao fregar... O que vén á miña casa e me pilla neses termos moitas veces queda contaxiado e logro que improvise tamén. A regueifa é parte de min e da miña aprendizaxe por iso valoro tanto que haxa algúns persoeiros e institucións que se dediquen a ela e que permitan que ese elemento da miña intimidade poida ser mostrado a outras persoas. Que boto en falta? Boto en falta maior número de lugares onde as persoas estean cómodas e poidan poñer en común as súas improvisacións, onde estean man a man cun público que non sempre ten por que ser pasivo. Boto en falta xente nova coa que improvisar, mozas coma min que se atrevan a amosar en público todas as reviravoltas regueifeiras. Boto en falta que se deixe máis espazo á improvisación nun mundo onde semella que se quere ter todo tan amarrado que ás veces o afogamos.

552139_396151673825712_999837618_n

No Certame de Teo

Conta-nos polo miudo cómo foi para ti o Certame de Canzom de Autora em Teo, o que ganhaches.

Para min foi unha aprendizaxe enorme, unha experiencia que me regalou moito coñecemento e moita riqueza interna. O Certame permitiume coñecer a enormes músicos que tiven o privilexio de que fosen os meus compañeiros no certame; sacarlle o zume máis doce ao momento escénico, e gravar o meu "Aínda". Gañar foi unha sorpresa e un privilexio que me deu moitas vantaxes para dar un primeiro pasiño ben asentado na terra, e non podo máis que estar enormemente agradecida.

E a Escola Livre da Mpg. aCentral puxo-che o colo para ajudar-te na grabazom e edizom do disco cos meios que tinha. Sei do importante que pode ser um apoio firme no inicio. Por isso pergunto-che sobre as experiéncias da escola.

A Escola foi para min un bosque de osíxeno desde o minuto cero, desde que cheguei a Compostela medio asustada por todo o novo que se me viña enriba. Os primeiros meses de vida universitaria teñen ledicias e tristuras a partes irregulares, e lembro que chegar á escola cada luns era (e segue sendo) un respirar aire puro. Apoiáronme, apoiástesme, incondicionalmente e déstesme azos para sachar as terras da ilusión, que non son nada fáciles. Por iso para min significou un berce quente onde crear, estar cómoda, compartir. Son consciente de que "Aínda" é tamén un anaco desa vida que fixemos e que me axudastes a construír: no medio de toda a incertidume dos tempos, da penosidade económica, confiastes. E esa confianza é o maior tesouro que teñen as augas intempestuosas da realidade galega.

Um dos concertos nos que te vim botaches algum super blues com acento antigo junto ao teu irmao. O disco Ainda nom vai por ese rego. Porque?

O blues é algo que me vén a través do meu irmán, que toca na guitarra este xénero, e que me inculcou unha grandísima parte da bagaxe musical que mamei na miña infancia e adolescencia. Con el divírtome improvisando e creando letras de blues, e temos feito concertos xuntos como o que ti puideches escoitar, pero non é a miña fonte de expresión favorita á hora de crear cancións. É por iso que, aínda que en Aínda hai un blues (Rúa vella) é máis unha homenaxe a el e a eses tempos ca unha preferencia de estilo a desenvolver.

Como escreves? Qué te leva a comezar uma canzom e cómo explicarias o seu desenvolvimento até que a das por supostamente concluida?

Escribo de moitas formas e as cancións finais acaban sendo unha especie de collage que vou tecendo. Pode ser que unha canción saia dunha melodía que se me ocurriu pola rúa, pode ser que naza dunha imaxe literaria interesante que tiña gardada hai anos; podo tamén creala musicando un poema enteiro meu que me soaba a algo na cabeza, ou pode vir dunha harmonía interesante que toco co acordeón ou coa guitarra da que me sae unha improvisación e que gran parte da letra e a melodía saian dese momento de exploración case regueifeiro. Coido que teño moitos regatos que me van dar as cancións que agora escoitades, e case nunca navego por un só.

Que aceptazom tá tendo o teu primeiro bebe disco na familia, nos teus colegas e profes de fiilologia?

Pois polo que teño escoitado está tendo boa aceptación, e está causando sorpresa, que é unha das cousas que máis me apetece que cause. Na miña familia están orgullosas e emocionadas, sobre todo a miña avoa; creo que cando era nena nunca tería imaxinado que a súa neta iría sacar ao mundo unha obra na lingua que a ela lle desprezaban. Entre os meus amigos e compis a maior ledicia que teño é que algúns, a través do meu disco, van coñecendo outras cousas da música galega que non coñecían. E en canto aos profes da facultade, pois case ningún sabe que saquei o disco, os que o saben foi porque me viron nalgún recital ou concerto, e reaccionan con ledicia. Con eles gústame sobre todo que "Aínda" lles dea a sensación de que si se pode crear e contar, aquí, e con estes anos.

A mim pessoalmte fai-me bem e feliz ver em palco a uma xovem artista cultivando-se em terra a vista. A mim fai-me bem ver medrar uma artista. Sinto-me privilegiada como público porque nom me das tudo masticado e as leises propagandisticas ate som naturais e nom forzadas ou impostas. Es conscente de que entras no mercado convencional da musica com os seus criticos e empresas tambem as mais das vezes convencionais?

Son consciente e tento non tratar esta realidade que estou a vivir musicalmente como un mundo paralelo á ferocidade do mercado e da crítica. Non agardo a palmada nas costas dicíndome o que está ben ou mal: agardo camiñar cara a miña aceptación propia como cantora-creadora e iso é un proceso unicamente meu, que elixín compartir e amosar. Logo está o que pasa cando baixas do escenario e te enfrontas a circunstancias fodidas do día a día. Desas circunstancias aprendo para darme máis e ter sempre os pés na realidade.

552139_396151673825712_999837618_n

Como debuxaches Ainda até chegar a dar por rematado a mistura? Ainda tes ganas de mais?

Aínda foi un proceso no que contei cos pinceis inestimables dos músicos que tocan no disco, do produtor musical, do técnico do estudio onde gravei, da produtora fonográfica, dos amigos que me aguantaron nas horas onde máis atafegada estaba... Non minto se digo que foi duro e canso, sobre todo para alguén que coma min, non sabía nada de estudios nin mesturas nin dar pautas a ninguén. Foi difícil porque as miñas cancións pasaron a ser cancións da soidade a ser cancións nas que moitas persoas traballaban e prestaban os seus esforzos, e iso non deixa de ser unha grande responsabilidade para min. Aínda así, a pesar do canso do traballo, cando vin Aínda entre as miñas mans non puiden senón pensar en outras moitas pezas por rematar que agardan curiosas para presentarse ante o oído alleo.

Como ves a musica que se fai aqui no pais musgo? Em verso por favor!!!!!

Vexo Vigo vexo Cangas

vexo a música galega

vexo moita calidade

diso que dúbida queda.

E aínda que estamos fodidas

con caldo mais sen culler

temos que seguir cantando

pra nunca deixar de ver.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gustavinho

Moi fermosas as cancións. Necesitamso máis artistas así.