A Xunta incorporará o plurilingüismo a todos os ciclos e másteres de FP na modalidade dual o próximo curso

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2023 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este luns a resolución pola que se regulan os ensinos de FP plurilingües para o curso 2023/24, na que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades abre o prazo para que os centros con estes ensinos presenten os seus proxectos para impartir parte do currículo dos seus ciclos e másteres de FP nunha lingua estranxeira.

Ao amparo desta convocatoria, os ciclos e másteres de FP que se inicien no curso 2023-2024 na modalidade de FP Dual incluirán, con carácter xeral, a formación necesaria para ter a consideración de plurilingües.

Deste xeito, afirmou a Xunta, aténdese a demanda desta habilidade por parte das empresas colaboradoras, dado que o coñecemento de linguas estranxeiras é un "requisito fundamental para elas á hora de seleccionar o mellor talento". O obxectivo deste programa é mellorar as competencias en idiomas estranxeiros do alumnado destes ensinos, á vez que se promove unha maior inserción laboral para estes titulados.

Con carácter xeral, os idiomas estranxeiros serán o inglés, o francés, o alemán e o portugués, aínda que os centros poderán escoller outro se o xustifican debidamente na súa solicitude. A resolución publicada este luns inclúe o programa formativo dos módulos de lingua estranxeira profesional de carácter extracurricular para calquera dos dous cursos.

No curso actual son 123 os grupos que os centros de FP de Galicia imparten na modalidade plurilingüe, dos que 66 comezaron o pasado mes de setembro.

Estudantes dun ciclo d FP
Estudantes dun ciclo d FP | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta