Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2023 | Actualizada ás 16:48
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, reafirmou as críticas que os populares dirixen ao xefe do Goberno central, o socialista Pedro Sánchez, polo uso do Falcon, e defendeu que a situación é distinta do uso feito por parte do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dun vehículo oficial da institución un domingo.
E é que Baltar pasa a campaña electoral envolvido na polémica e nun procedemento xudicial por mor dun exceso de velocidade detectado xa case no tramo final da carreira municipal cara ás urnas. En concreto, o presidente provincial dos populares foi 'cazado' un domingo nun vehículo da institución a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso polo municipio zamorano de Asturianos.
Posteriormente, esta semana, transcendía que o vehículo que conducía ese domingo o presidente da Deputación ourensá foi detectado por outro radar na mesma xornada pouco máis de cen quilómetros antes, en Allariz.
Rueda foi preguntado acerca de se non resultan contraditorias as críticas a Sánchez co silencio en relación a que Baltar conducise un domingo o vehículo da institución que dirixe, e o líder do PP galego defendeu que son casos distintos.
"CONEXIÓN" ENTRE VISITA "RÁPIDA" E MITIN
Así, referiuse a a última visita de Sánchez, a finais de abril, á Coruña, e suxeriu que improvisa visitas institucionais "rápidas" das que "nunca" avisa á Xunta que "sempre coinciden cun mitin do PSOE", polo que considerou que a "conexión" electoral resulta "evidente".
"Co Falcon todo o mundo ve a conexión entre o acto rápido e o mitin. Baltar o que dixo é que tiña un acto en Madrid e que ese era o motivo para levar o coche. Non era un acto electoral", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.