Por que o Goberno non dá os datos de suicidios?

O Movemento Galego da Saúde Mental analizou as preocupantes cifras de suicidio no país este mércores. O seu voceiro Miguel Anxo García acusa a Administración de adialas con fins políticos. A teima da prensa de non informar de suicidios é outro dos temas desta entrevista.

Por Manuel Vilas | Santiago | 12/03/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Como están a afectar os recortes a atención aos problemas mentais da poboación? 

Intervención no Parlamento do Movemento Galego da Saúde Mental
Intervención no Parlamento do Movemento Galego da Saúde Mental | Fonte: facebook

Os recortes en servizos públicos de protección social, de atención sanitaria e en políticas activas de emprego agravan o efecto da crise sobre as persoas. A OMS xa advertira en 2011 que a crise agravaría a situación da saúde mental e chamou a reforzar eses servizos para amortecer o  impacto da crise. A OMS aconsellou tamén políticas orientadas ao alivio da carga da débeda sobre as familias.

Podería poñer un exemplo concreto?

En España non se seguiron estas indicacións. Os datos agora informan de que a saúde mental empeorou, e de que un indicador de sufrimento social insoportable como é o suicidio mantén dende 2011 un incremento progresivo.

Que medidas debería tomar a Administración para paliar esta lacra?

Miguel Anxo García Alvarez Portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental
Miguel Anxo García Alvarez Portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental

Reforzar os servizos públicos citados e aplicar políticas protectoras en materia de débeda, que por exemplo frenen os desafiuzamentos.

No seu manifesto fundacional denúnciase que a Administración oculta información. En que se basa esta afirmación?

A Administración Sanitaria non está a informar da evolución da saúde pública. Os datos sobre suicidio son un exemplo. Tárdase máis dun ano en entregalos co cal permite lecturas políticas benignas ao situalos na lonxanía.

Tampouco informa da utilización dos recursos sanitarios, ocultando ou distorsionanado por exemplo a ocupación real de camas hospitalarias, ou non informando sobre o tempo que media entre a primeira consulta e as de seguimento. Enganosamente infórmase da lista de espera para a primeira consulta, pero en saúde mental a distancia temporal entre as sucesivas é decisiva na calidade da atención. E hoxe, a miúdo, a distancia é de meses, co cal moitos tratamentos son inútiles.

Un de cada 10 suicidios en España ten lugar en Galicia, con máis de 300 suicidios cada ano. O feito de ter unha das poboacións máis vellas do Estado é o que explica esta tendencia?

O envellecemento poboacional inflúe no suicidio. É pola contra só un dos factores a considerar e por si só non explica a diferencia tan elevada da taxa de sucidio en Galicia respecto á taxa do Estado Español.

Nos medios de comunicación existe a regla, non escrita, de cando hai un suicidio non informar da causa do falecemento, pois considérase que se pode producir un efecto reclamo entre as persoas que lean a noticia. Existe algunha base científica para isto?

Esa actitude é parte do prexuízo con respecto a esta cuestión. Sabemos que debemos limitar a información especialmente en infancia e adolescencia polo risco de imitación. Non é así en adultos, e moito menos en relación co tema en xeral.

De acordo aos datos oficiais do INE, en 2013, suicidáronse 333 galegos e galegas. Supón isto un incremento dos datos previos á crise económica?

Os datos supoñen un incremento sostido nos últimos catro anos. Os do 2014 (que tardarán un ano en ser publicados) confirman a tendencia.

Tamén destaca o feito de que houbese 245 homes que cometesen suicidio, fronte as 88 mulleres. É esta diferencia por sexos unha tendencia que se dá no resto de territorios ou só é aplicábel a Galicia? 

Esa diferencia entre homes e mulleres en letalidade do intento suicida é unha constante na cuestión do suicidio non influída pola pertenza a unha ou outra nación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Alberte

Voume meter onde non me chaman. Pero, pensamentos inconexos, tenho con esta cuestión. Cando unha parte salientble da povoación concibe a súa "realidade" dende fora e non dende dentro de sí mesmos, dalgún xeito comeza a esquizofrenia. Moita, pero moita xente hoxendía viaxa a Europa, etc. percibindo unha realidade alhea ao súa contorna. Exemplo: Non tes onde caerte morto, non tes cartos máis que para viaxes esporádicos e xa te sitúas a tí mesmo como que és da "clase media". Os únicos cartos que percebes son do paro ou de axudas sociais e de trabalhos esporádicos que che permiten "certos alivios económicos ocasionais" que só fan perpetuar a túa dependencia da túa contorna permanentemente á espera de que mude non sei que. É un apuntamento sin querer e sin poder mergulharme no miolo da cuestión. Iso crea xente de 30, 40, 50 e máis anos infantís e cando chegan á ancianidade non maduraron como tinhan que o facer. Con dignidade e con intelixencia pausada.

1 anónimo

ESpero non haber entendido mal, según vostede os ancians suicidanse porque ¿non maduraron?

2 Prisa

Concuerdo con anónimo... Alberte es de los que opina desde la calidez de su asiento.