Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2023 | Actualizada ás 13:11
A líder do BNG, Ana Pontón, cre que o anticipo electoral en Madrid via propiciar que, a formación nacionalista teña un "grupo forte en Madrid", sen avanzar se terá grupo parlamentario propio ou amentar o número de deputados que se sumen ao que xa ostenta agora Néstor Rego.
Tras a reunión do Consello Nacional, Pontón anunciou que o BNG elaborará unha candidatura de País para que na próxima lexislatura haxa “un Grupo Galego forte en Madrid” que sexa actor decisivo na política estatal". Así, destacou que os e a deputadas galegas "faran valer ese peso político" en beneficio dos intereses de Galicia.
O BNG, dixo, é un espazo que suma, de ilusión e esperanza en favor de Galicia. "Temos as mans tendidas para todas esas persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón". Tamén valorou positivamente os resultados do 28M que demostraron, indicou, que o BNG é a forza que máis sobe en Galicia "e o teferente para o cambio no país".
APROVEITAR AS LOCAIS
A líder nacionalista apelou a aproveitar o impulso das municipais para enfrontar "con ilusión e determinación" as eleccións xerais, nas que o BNG "sae a gañar" coa meta de incrementar a súa representación nas Cortes, onde durante a última lexislatura tivo no deputado pola Coruña Néstor Rego o seu único representante despois de catro anos de ausencia en Madrid.
"Poida que haxa forzas políticas ás que colla esta convocatoria a contrapie. Ao BNG non. Estamos no mellor momento da nosa historia", aseverou Pontón, que enxalzou os resultados logrados na cita coas urnas do pasado domingo, da que, para a súa portavoz nacional, o Bloque "sae tremenda reforzado" ao "confirmar" que "a onda de cambio político en Galicia non para de crecer".
Así, valorou as 19 maiorías absolutas logradas e a posibilidade de alcanzar outras 40 alcaldías a través de pactos, con especial relevancia da continuidade de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra e a consecución do bastón de mando en Santiago, onde Goretti Sanmartín se converterá na primeira alcaldesa da capital galega, un "símbolo da Galicia que vén".
GALICIA, "DINÁMICA PROPIA"
Cuestionada sobre se repetirá o deputado Néstor Rego e tras valorar o seu traballo feito durante o últimos catro anos, Pontón incidiu en que "quen ten que falar primeiro é a militancia" para confeccionar unha candidatura que, como apuntou, ten que estar lista "en tempo marca".
Para estas xerais, a líder do BNG considera que terá lugar a campaña "máis centralista e bipardista da historia" pois se exporá como unha pugna entre "o bloque de Feijóo e os seus aliados contra o de Sánchez e os seus aliados". "Fronte a isto, o noso bloque é Galicia, é o que imos defender", aseverou
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.