Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2023 | Actualizada ás 13:47
O verán será "máis cálido" do normal en toda Galicia e "algo máis húmido" na metade sur, segundo o avance realizado, en rolda de prensa, polo delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) na comunidade autónoma, Francisco Infante. De cara aos próximos días, indicou, o tempo estará condicionado pola de borrasca Óscar, con "nubes e claros, chuvascos e treboadas".
Esta "inestabilidade" manterase ata o vindeiro martes, aínda que con treboadas "menos intensas e menos frecuentes". A partir desa xornada, segundo explicou o delegado, "é probable que se afiance o anticiclón e teñamos unha situación de estabilidade, sen precipitacións, con tempo seco e asollado o resto da semana".
O prognóstico de Aemet para os meses de xuño, xullo e agosto é que sexan "máis cálidos do normal". En canto ás precipitacións, na metade norte de Galicia espérase un "comportamento normal", mentres que no sur será "algo máis húmido" do habitual. "Probablemente, porque sexa unha estación que podería resultar máis treboenta do normal", analizou Infante.
ANTECENDENTE PRIMAVERAL
Respecto da primavera, esta foi "moi cálida e entre seca e moi seca" en Galicia. A terceira máis cálida, precisou, dende rexistros históricos que comezaron a recollerse no ano 1961. A temperatura máxima alcanzouse o día 2 de maio en Ribadavia (Ourense) con 32,4 graos.
En canto á tempada de furacáns no Atlántico, que se prolonga desde o 1 de xuño ata o 30 de novembro, augurou que será "lixeiramente menos intensa do normal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.