Por Galicia Confidencial | A Coruña | 20/03/2015 | Actualizada ás 12:40
Quen é Pachi Lucas?. O empresario que ata hai uns meses case ninguén coñecía, a pesar de relacionarse cos principais políticos populares tería xogado un papel fundamental na trama fraudulenta dos cursos de formación, a coñecida como Operación Azetanet. Ata o de agora, os papeis do sumario acreditarían, supostamente, ese papel de conseguidor entre empresas e administración.
Ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, preguntaronlle xa no Parlamento pola relación con Pachi Lucas, e mesmo compararon a amistade que mantén con este empresario coa que tivo, no seu día, co narco Marcial Dorado. O presidente galego preferiu evitar dar respostas e deixouno en mans do seu número dous.
Sen embargo, é o principal imputado na Operación Zeta, o empresario Gerardo Crespo, quen acaba de aportar datos moi significativos sobre a vinculación de Pachi Lucas con esta trama e vinculou ao empresario, directamente, con Feijóo e con Rajoy. “É moi amigo e gran protexido do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e íntimo amigo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, dixo.
"Non só é íntimo amigo de Alberto Núñez Feijóo, é moi, moi amigo e gran protexido de Mariano Rajoy. Pachi Lucas é un pontevedrés que queda orfo cando é novo e é apadriñado por familias de Pontevedra onde está Mariano Rajoy. Localízoo a través destas familias de Pontevedra e fíchoo como empregado para as miñas empresas porque me parece o mellor representante, o mellor comercial posible. El fai o seu traballo, faio ben e coas bendicións do presidente da Xunta", destaca Crespo.
O principal imputado na Operación Azetanet militou no Partido Popular desde os 18 anos e agora móstrase moi crítico cos responsables autonómicos, en especial co presidente da Xunta, por unhas declaracións nun medio de comunicación nas que dixo, “fartouse de mentir".
"Fártase de mentir e pódese comprobar. Cando di que eles son os que nos mandan ao fiscal, claramente mente porque isto nace cando unhas empregadas de Caype denuncian á empresa na Xunta e dous meses máis tarde van á Policía, que é a que empeza o proceso de investigación", dixo no xulgado para desacreditar a versión da Xunta que mantén que son eles os que mandaron investigar.
A partir das denuncias das traballadoras, chegaron as picadas telefónicas e un mes máis tarde "o fiscal da Xunta de Galicia informou a Alberto Núñez Feijóo e a Carlos Negreira -alcalde da Coruña, polo que "eles actúan e revogan o que estaba en marcha". "Revogáronnolos –contratos-- a todos os que temos os teléfonos picados cando non existen na historia revogacións de programas integrais de emprego. Isto deixa claro que non son eles os que nos mandan a fiscal", destacou.
Sobre a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que rexeitou o acto de conciliación previo á querela que, agora, presentará contra ela, Creso destacou que “calumniou”. “A conselleira di que nunca na historia das empresas fixéronse os cursos, algo que é outra calumnia, outra mentira, que é facilísimamente demostrable", apuntou, xa que suliñou que ten mil arquivadores con toda a documentación de cursos entre DNI de alumnos, firmas de asistencia e actas de inspección dos inspectores da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.