Por Galicia Confidencial | Mugardos | 30/03/2015 | Actualizada ás 20:16
A Comisión Europea (CE), a través do Comisario de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella, vén de confirmar a Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) que está a investigar o posíbel incumprimento por parte do Estado español dos requisitos sobre o tratamento de augas residuais establecidos na Directiva 91/271/CE en relación ás "aglomeracións urbanas" Ferrol-Narón e Ares-Mugardos-Fene.
Forestal Atlántico é propiedade do Grupo Tojeiro, empresa galega que tamén posúe Gadisa e unha importante participación en Reganosa, planta de gas que se instalou precisamente nos terreos de Forestal Atlántico. Esta empresa adícase á fabricación de resinas e colas para empresas transformadoras da madeira.
A eurodeputada de AGE denunciou diante da Comisión Europea, a través dunha pregunta parlamentaria escrita rexistrada no mes de xaneiro, a "irresponsabilidade do Goberno da Xunta ao ter concedido o pasado 25 de febreiro unha autorización ambiental integrada ao complexo industrial Forestal del Atlántico que lle permite verter cerca de 27 millóns de toneladas anuais de residuos contaminantes durante oito anos, obviando o Goberno galego o feito de que a depuradora ubicada na parte sur da ría unicamente ten capacidade para tratarproximadamente seis millóns de toneladas ao ano".
Pola súa banda, a CE sinala na súa resposta a responsabilidade dos Estados de garantir que "tanto as empresas como as autoridades competentes adopten as medidas apropiadas para cumprir as condicións aplicábeis aos permisos e que se respecten as normas de calidade medioambientais, incluso recorrendo a inspeccións e sancións en materia de medio ambiente".
Cómpre lembrar tamén que nos últimos anos a Comisión Europea ten iniciado varios procedementos de infracción contra o Estado español, sendo determinado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea o incumprimento da Directiva sobre moluscos no ano 2005 (asunto C-26/04) e, no ano 2011, a Directiva sobre o tratamento de augas residuais (asunto C- 343/10) e a Directiva Marco sobre o auga (asunto C403/11).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.