Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2023 | Actualizada ás 12:52
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, admite "problemas de concentración puntuais" no Camiño de Santiago, "comúns a outros destinos turísticos", pero nega "masificación".
Na Comisión de Industria, o deputado Daniel Pérez (BNG) alertou dunha "masificación" dos últimos quilómetros da ruta xacobea e na capital de Galicia, onde se sofren problemas como a "xentrificación", a "proliferación" de pisos turísticos ou episodios como os 12.000 mozos da peregrinación cristina do ano pasado.
En resposta, Merelles explicou que a Xunta avoga por un Camiño "máis accesible, sustentable e innovador". Sinala que seguirá traballando pola "diversificación" e "desestacionalización" da ruta xacobea. Ademais, esgrime que o "gasto dun peregrino é equivalente ao de dous turistas nacionais".
Destaca que o Camiño é un "emblema" no que observa "bastante posibilidade para crecer" no ámbito de turistas estranxeiros, que actualmente supoñen sobre o 25% do total. Considera que o potencial de Galicia para crecer no ámbito internacionl "é máis grande" que outros territorios saturados.
No tocante ao Bono Xove Xacobeo --un vale dirixido á mocidade que contará con 500 euros en descontos en establecementos turísticos do Camiño de Santiago, dos cales a Xunta achegará 200--, Merelles remarca que se busca unha "nova segmentación" nos perfís" ao animar a mozos a facer o Camiño. Opina que suporá unha "experiencia enriquecedora" á vez que se incentiva a actividade do sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.