Xa se pode solicitar a vacinación voluntaria contra a lingua azul por parte dos gandeiros de bovino e ovino

O Sindicato Labrego Galego volveu a reiterar a Medio Rural a súa petición dunha reunión "urxente" para abordar a "problemática" desta vacina por supostos "efectos adversos" detectados nalgunhas reses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2023 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Os gandeiros titulares de explotacións bovinas e ovinas situadas na zona libre da enfermidade da lingua azul en Galicia poden solicitar a vacinación voluntaria fronte a esta doenza --en virtude da autorización concedida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a petición da Xunta--. Segundo informa a Consellería de Medio Rural nun comunicado, a vacina será distribuída gratuitamente pola ao persoal veterinario privado autorizado para a súa administración.

A zona libre deste virus en Galicia corresponde á provincia da Coruña e ao resto das comarcas veterinarias da provincia de Lugo non incluídas previamente na área restrinxida: A Mariña Central, Oriental e Occidental, Terra Chá-Castro, Terra Chá-Vilalba, Terra Chá-Guitiriz, Meira, Lugo, A Ulloa, Os Ancares e A Fonsagrada.

A consecuencia da declaración oficial dos focos detectados de lingua azul en febreiro de 2023, as provincias de Ourense e Pontevedra, así como as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos-Quiroga, na provincia de Lugo, incluíronse dentro das zonas restrinxidas fronte a esta doenza en España. Así, estableceuse a vacinación obrigatoria de todo o gando bovino e ovino maior de tres meses localizado nestas áreas, un requisito imprescindible para o movemento pecuario destas especies.

Agora amplíase a vacinación, con carácter voluntario, ao resto do territorio galego considerado como zona libre da enfermidade. A solicitude cursada por Medio Rural ao MAPA fíxose para aumentar a protección do gando galego, tendo en conta que a vía principal de transmisión do virus da lingua azul é a picadura de mosquitos do xénero 'Culicoides', presentes en todo o territorio da comunidade en época estival.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego volveu a reiterar a Medio Rural a súa petición dunha reunión "urxente" para abordar a "problemática" desta vacina por supostos "efectos adversos" detectados nalgunhas reses.

Vacas. Gando bovino.
Vacas. Gando bovino.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta