Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2023 | Actualizada ás 16:36
"Todos os que estamos aquí debémonos ao interese xeral e, con independencia dos credos políticos, deberiamos telo moi presente". Nesta idea, que xa lanzara durante a Ofrenda ao Apóstolo na Catedral, incidiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na recepción civil posterior ao acto eclesiástico, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, sede do Concello.
Nesta recepción volveron a reunirse todas as autoridades posto que a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, non participou na parte eclesiástica da celebración.
A dirixente do BNG xa anunciara a súa decisión de non participar nos actos relixiosos desta Ofrenda, como no seu día tam én fixo o alcalde Martiño Noriega (Compostela Aberta). Amparándose na laicidade do Estado, Sanmartín si estivo na parte civil e institucional --tanto antes como ao finalizar, na recepción no Pazo de Raxoi--, pero non acudiu á Eucaristía na Catedral.
En Raxoi, Sanmartín encargouse de saudar ás autoridades e ao resto de asistentes nunha casa consistorial que, dixo, "é a casa de todo o pobo compostelán" e mesmo de toda Galicia en tanto a que Santiago é tamén a capital do país. Tamén reivindicou o carácter monumental e 'verde' de Compostela, e proclamou o "orgullo" de poder "pisar as pedras" que antes pisaron Rosalía de Castro ou Ánxel Casal.
Nun día de "estreas" --o primeiro Día Nacional de Galicia no que el exercía de delegado rexio na Ofrenda, pero tamén nos primeiros actos dun 25 de xullo con Sanmartín como alcaldesa e Francisco José Prieto como arcebispo--, Rueda aproveitou para reivindicar o "entendemento" por encima das diferenzas en base a servir ao interese xeral.
"Deixeino plasmado no Libro de Honra. Deixei por escrito o meu desexo de que por encima das diferenzas que podamos ter, hai cousas que deberían unirnos a todos e que deberiamos ser capaces de acordar polo ben de Galicia e España", recalcou.
"ESCOITAR OS CONSELLOS DE QUEN FIXERON ANTES ESTES CAMIÑOS"
Rueda fixo un xogo de palabras en relación aos camiños de Santiago, polos que cada ano discorre "máis xente"; e apelou a escoitar "os consellos de quen fixeron antes estes camiños" proque "sempre van ter" algo para aconsellar.
E nun momento que considerou "crucial", considerou que é "máis importante que nunca" exercer a representación pública desde a lealdade institucional. "Todos os que estamos aquí debémonos ao interese xeral e, con independencia de credos políticos, deberiamos telo moi presente", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.