Allariz fomenta o consumo responsable de auga

Faino coa campaña "Está na túa man, pecha a billa cando toca" que está impulsada polo concello e a empresa concesinaria do servizo de auga 'Espina & Delfín'.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 29/07/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Concello de Allariz e Espina & Delfín están a concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos naturais a través da campaña "Está na túa man, pecha a billa cando toca".

Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, co cartel da campaña. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente, co cartel da campaña. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes sociais e páxinas web de ambas entidades.

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas do mes de xullo e as que se prevén para agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos co cal "para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable", sinalan do goberno local.

Durante o 2022, no concello de Allariz o consumo medio mensual foi de 65.785 metros cúbicos. Esta cifra superouse durante os seis meses centrais do ano (desde maio ata outubro) e alcanzouse o pico dun maior consumo de auga en xullo, con 90.231 m3, e en agosto, 93.010 m3.

Pola contra, os meses de menor consumo foron novembro de 2020 (59.754 m3), febrerio de 2021 (55.696 m3) e febreiro de 2022 (53.511 m3).

Co obxectivo de facer un consumo responsable da auga, esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga, como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

"Tamén hai que ter precaución con actividades típicas desta época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda", conclúen dende o concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta