Por Xurxo Salgado | Compostela | 22/04/2015 | Actualizada ás 08:00
O Goberno galego acaba de destinar 600.000 euros para contratar unha nova campaña publicitaria de dinamización demográfica de Galicia para o 2015. Uns cartos que suman xa máis de 1,5 millóns de euros desde o 2013 para este fin, a pesar de que Galicia segue perdendo poboación. De feito, este mesmo martes coñecíase que o número de habitantes do país reduciuse un 0.6% ao descender en 17.289 en 2014.
Segundo os datos dados a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a 1 de xaneiro de 2015 o padrón continuo reflicte que Galicia tiña 2.731.406 habitantes nesa data, o que implica unha perda de 17.289 persoas respecto ao mesmo día do ano anterior. Os datos do Padrón Continuo reflicten que hai máis mulleres (1.414.679) que homes (1.316.727), e só 3 cidades superan os 100.000 habitantes.
Desta poboación, 90.354 persoas son estranxeiros, o 3,3% do total, o que implica unha perda no último ano de 7.891 persoas, un -8%. Segundo os datos do padrón continuo difundidos, Galicia conta con 3 municipios -Vigo, A Coruña e Ourense- con máis de 100.000 habitantes, onde vive o 23,6% da poboación total da Comunidade. O maior número de municipios galegos sitúase na franxa de entre 1.001 e 10.000 habitantes, con 231 concellos, nos que vive preto dun terzo da poboación, o 29,6%.
Son datos que demostran que as campañas de “sensibilización” da Xunta en medios de comunicación galegos teñen moi poucos efecto. E, a pesar diso, a Consellería de Traballo acaba de contratar con Imaxe Intermedia S.A., unha nova campaña de publicidade institucional por un montante total de 600.000 euros, tal e como recolle o DOG de comezos deste mes.
Foi en abril de 2013 a Xunta aprobou en Consello o Plan de dinamización demográfica para frear o crecemento vexetativo negativo da poboación galega, cunha poboación moi avellentada e onde se segue producindo unha forte emigración da xente máis nova. Sen embargo, a principal medida para erradicar esta situación, a falla de políticas sólidas, é a da publicidade institucional. Un diñeiro que, na maior parte das ocasións, acaba nos bulsos dos grandes medios de comunicación e que serve para tapar os seus buracos financieiros.
E é que a Xunta gastou en dous anos máis de 1,5 millóns de euros en campañas publicitarias para fomentar a natalidade. Desde o 2013, destinou 508.132,94 euros, 263.553,72 e 495.867,77 en distintas campañas.
Uns cartos que os sindicatos xa teñen criticado que non se destine a outros fins. “Unha cantidade que puidera ter sido adicada directamente a dinamización demográfica mediante a potenciación dos servizos sociais públicos, como por exemplo, as garderías”, indicaba hai uns meses CIG-Autonómica para quen o “único obxectivo resulta ser a autopromoción do goberno da Xunta”.
De feito, esta nova adxudicación de cartos públicos aos medios tradicionais galegos chega a un mes dunhas municipais e logo de que a secretaría xeral de Medios da Xunta veña de concederlle unha nova serie de convenios a determinados medios de comunicación –os de sempre-- que suman 300.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.