Por Europa Press / Redacción | FERROL | 09/08/2023 | Actualizada ás 17:01
A bancada do estaleiro de Navantia en Ferrol acolleu no mediodía deste mércores a colocación da quilla da primeira fragata da serie F-110 que a empresa naval pública está a executar para a Armada Española. Desde alí, o presidente da compañía pertencente á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), Ricardo Domínguez, definiu este acto como "unha acción moi simbólica", xa que "é o momento no que a construción do buque pasa do taller á bancada".
Esta unidade "está chamada a ser a punta de lanza da forza naval española", dixo, mentres que tamén confirmou que antes de final deste ano arrincará a construción da F-112. Neste novo fito tamén se deron cita, entre outros, o almirante xefe do Estado Maior da Armada, o almirante xeral Antonio Piñeiro; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Domínguez lembrou que "hai agora 16 meses que neste mesmo estaleiro" se procedeu ao corte da primeira chapa desta fragata F-111. Comezaba así "o proceso de construción de dous bloques piloto, unha estratexia que nos permitiu optimizar os esquemas produtivos, cumprir rigorosamente con todos os fitos acordados co cliente e avanzar na construción por diante do planificado", destacou.
Así, o presidente de Navantia detallou que "a día de hoxe están en produción 18 dos 33 bloques da primeira fragata da serie" (F-111) e que, en paralelo, o modelo 3D da enxeñaría de taller alcanzou un grao de madurez de ao redor do 80 % e adquiríronse o 99 % dos equipos da plataforma de todos os buques da serie.
"TRES MESES ANTES DO PREVISTO"
A colación desta quilla realizouse "conforme a este plan". "Tres meses antes do previsto, colocamos na bancada este bloque 311, sobre o que irá crecendo esta primeira fragata da serie", subliñou. O presidente de Navantia tamén destacou as capacidades da serie antecesora, as fragatas F-100, das que apuntou que "ben o sabe a Armada, testemuña e artífice dese éxito xunto con Navantia".
Por último, lembrou que as cinco fragatas da seria F-110 "contarán cun xemelgo dixital, unha réplica virtual alimentada por datos que optimizará o seu mantemento e a súa operación" e que terá o chamado "sistema de servizo integrado, que reforzará a súa conectividade, a propulsión híbrida que potenciará a súa capacidade submarina e mellorará o seu impacto ambiental".
"NECESIDADE DE CAPACIDADES"
Pola súa banda, Antonio Piñeiro asegurou que "hoxe é un día moi importante para a Armada", que "vén necesitando xa desde hai demasiado tempo" este programa. "Vimos dunha época que durou algo máis de oito anos, dunha necesidade de capacidades que por fin hoxe ve a luz con este paso e espero que se consoliden ao longo do tempo", agregou.
O almirante xeral afirmou que a serie F-110 "aumentará as capacidades da Armada nas próximas décadas", xa que estes novos buques van relevar ás fragatas clase 'Santa María', das que algunhas delas "están a chegar aos 50 anos de servizo e que renderon dunha maneira espectacular en todo este tempo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.