Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 16/08/2023 | Actualizada ás 18:12
A Festa da Auga volveu a asolagar este mércores as rúas de Vilagarcía de Arousa como colofón dunhas celebracións do Día de San Roque que se saldaron "con apenas incidentes", segundo confirma o balance de incidencias do Concello.
Miles de persoas, arousás e foráneas, abarrotaron a localidade xa desde a tarde noite do martes con dous espazos onde os DJ fixeron soar a súa música ata ben entrada a mañá: o 'H2Ou festival' e o 'Water Castro Festival'.
A festa prolongouse ata mediodía. No momento no que a figura de San Roque, patrón do municipio, era trasladada desde a igrexa parroquial á capela co seu mesmo nome, procedeuse á lectura do pregón a cargo do xa tradicional Freddie Mercury arousán, tras o que chegou, por fin, o 'chaparrón'.
Este ano, co obxectivo de aforrar auga e de volver á festa máis tradicional, non houbo nin mangueiras nin camións cisterna, senón que o protagonismo foi de novo para os cubos, as tinallas e as pistolas de auga. O Concello destaca que a xornada transcorreu con "relativamente normalidade", ao ter en conta a gran cantidade de público que se achegou ata Vilagarcía.
Entre as incidencias, destacaron as habituais queixas veciñais polo ruído e a música en zonas concorridas, así como pequenos altercados entre mozos "que non foron máis aló", dado que non consta que as forzas e corpos de seguridade tivesen que intervir. En canto aos controis de tráfico realizados pola Policía Local xa desde a noite do martes ata o mediodía deste mércores, interceptáronse dous positivos por consumo de drogas ao volante.
O Concello de Vilagarcía destaca tamén que, "en xeral", a hostalaría e os clientes cumpriron coas normas postas para a festa, a exceptuar algún "pequeno incidente que non embaza o bo comportamento" das miles de persoas que participaron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.