Así son as axudas da Xunta para a produción cárnica: onde están?

Os sindicatos agrarios reclaman a Medio Rural a entrega dos 0.80€ por quilo de carne comprometidos por Medio Rural en maio deste ano. A Xunta acusaba ao Goberno central de non enviar suficientes fondos a Galicia para combater a seca e paliar as súas consecuencias negativas. En maio, segundo as forzas sindicais agrarias, a Consellería de Medio Rural comprometérase a entregar unhas axudas para a produción de carne. En agosto aínda están reclamando ditas achegas.

Por Moncho Mariño | Santiago | 23/08/2023 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Os e as gandeiras produtoras de carne en Galicia estaban preocupados xa hai meses ante a situación de seca no país. Os prezos dos insumos para a produción cárnica aumentaron e os prezos pagados aos produtores non cubrirían abondo as perdas a futuro. En maio de 2023, nunha reunión entre representantes agrarios e Medio Rural, o xefe deste departamento, José González, anunciara unha axuda de 0,80€ por quilo de carne para apoiar o sector fronte as perdas producidas pola seca. Ademais, apuntárase a “discriminación” desde o Ministerio de Agricultura polo escaso volume das achegas destinadas a Galicia para paliar os efectos da seca fronte ás cantidades enviadas a outros territorios. A día de hoxe as axudas da Xunta aínda non chegaron, denuncian os representantes dos gandeiros.

O conselleiro do Medio Rural, José González, nunha visita en Vilasantar (A Coruña). XUNTA
O conselleiro do Medio Rural, José González, nunha visita en Vilasantar (A Coruña). XUNTA

ORZAMENTOS

A finais de maio de 2023 reuniuse o grupo de traballo da mesa pola seca entre Xunta e representantes agrogandeiros. Dentro dos puntos a tratar estaba a apertura de axudas directas do executivo galego para paliar a forte suba nos prezos de produción causados pola seca en Galicia. Así, en dita xuntanza reclamouse á xunta a apertura de anticipos procedentes da PAC. Á parte, nese mesmo mes de maio, o conselleiro de Medio Rural, José González, “comprometera” axudas por un valor de 0.80€ por quilo de carne coa finalidade de axudar ao sector da produción cárnica. Case catro meses despois as organizacións sindicais agrarias esperan a materialización do diñeiro anunciado por Medio Rural.

“Nós cremos que nin hai diñeiro nin se poderán crear os orzamentos necesarios, por tanto non se materializará o anuncio feito polo conselleiro” di José Ramón González de Unións Agrarias. “Durante os últimos quince días houbo algúns arranxos coa Consellería mais seguimos sen ter noticias” dunha axuda directa da Xunta de Galicia. Porén, José Ramón González apunta que as axudas procedentes da PAC vía Ministerio de Agricultura “pouco ou moito xa as cobramos”, aínda que Medio Rural denunciaba a discriminación cara a Galicia no reparto dos fondos agrarios europeos.

“O conselleiro anunciou esta axuda (0,80€) para o outro día de reunirse co SLG e UU.AA sen que se nos dixera nada. Descoñecemos todo sobre dita axuda” describe Brais Álvarez do Sindicato Labrego Galego (SLG). As motivacións de realizar un anuncio así por parte do conselleiro de Medio Rural parecía unha “saída cara adiante” nun contexto pre-electoral ademais de térense producido mobilizacións mesmo dentro da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega. Álvarez súmalle a isto o feito de “termos as nosas dúbidas de que estas axudas se poidan entregar así, directamente, mais tamén pedimos axudas propias para afrontar as consecuencias da seca”, seguindo un modelo como o posto en marcha en Cataluña.

Mercado de gando
Mercado de gando | Fonte: Arquivo - Europa Press

Elías Somoza da Federación Rural Galega (FRUGA)  apunta que a súa organización non di que os gandeiros non reciban as axudas "senón que se produzca unha baixada de prezos, superior ao importe das axudas, e desta forma os grandes beneficiarios son os matadoiros. Se os decimos e porque algún matadoiro fixo este tipo de comentarios".

Desde o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega remítense aos anuncios oficiais que realiza a Consellería do Medio Rural. De momento, "non está convocada ningunha axuda pola seca. O anunciado pola Consellería en maio foi unha axuda para a produción da carne de calidade vinculada a Ternera Gallega Suprema", mais sen concretar as condicións, data de convocatoria ou cifras sobre dita subvención.

CONSECUENCIAS

O 9 de agosto, diante das peticións de organizacións agrarias para a mobilización do diñeiro anunciado, a Consellería de Medio Rural sacaba unha nota de prensa onde anunciaba que  “a Xunta nega (…) comprometerse a habilitar axudas extraordinarias pola seca. O que se comentou (…) foi que "se valorarían diferentes posibilidades de apoio ao sector ante a marxinación de Galicia nas achegas do Goberno central". "Pedimos responsabilidade aos axentes do sector agrogandeiro en xeral para non xerar falsas expectativas entre os agricultores e gandeiros galegos sobre esta cuestión"”.

As perdas que poden sufrir os e as gandeiras de carne ante a falta desta axuda poden repercutir na venda de gando con prezos á baixa. “En 2019 un informe da Xunta apuntaba uns custos de produción de 6,30€ por quilo de carne mentres que o prezo de venda podería quedar en 5,80€/Kg.” lembra Brais Álvarez. A perda de 1.50€/Kg redundaría en beneficio para a industria. Isto último é ilegal debido a que “segundo a Lei de Produción Alimentaria non se pode vender por debaixo dos custos de produción” e a administración galega non pon os mecanismos de control necesarios para evitar isto, di Álvarez.

“As familias están tendo dificultades ante os custos de produción, certo que estas dúas últimas semanas a situación cambiou algo, mais non se pode poñer en risco a produción porque non só facemos un labor agrario” destaca José Ramón González. “As producións gandeiras teñen detrás un labor medioambiental, económico e demográfico en áreas deprimidas”. González súmalle a isto último a necesidade de crear unhas estruturas comerciais axeitadas para colocar a carne galega no mercado.

Outra consecuencia da non chegada de axudas pode provocar “a entrada de explotacións dentro da IXP Ternera Gallega, pois os matadoiros din que é difícil colocar a carne producida fóra da IXP” resalta Álvarez. Para FRUGA as consecuencias desta falta de axudas son unha perda de poder adquisitivo para as explotacións, "que a dia de hoxe xa sofren a suba de custos de producción. O sector industrial beneficiase comprando mais barato.".

O Consello Regulador pola súa parte asegura que está a rexistrar "cifras de certificación da carne amparada similares ás do verán pasado nos meses de xuño e xullo, pero aínda é pronto para valorar". En canto á produción, "os gandeiros vense afectados ao recorrer á compra de materias primas de fóra da comunidade; que no caso da IXP, e debido ao sistema de produción especialmente en Suprema, poden mitigar, en parte, empregando recursos propios das súas explotacións".

As organizacións sindicais agrarias reclaman as axudas por quilo de carne “comprometidas” pola Xunta. Desde a Consellería de Medio Rural declaran que non se chegou a tal compromiso, senón que “se valorarían” posibilidades para apoiar o sector. Todo ante a situación de seca que está a elevar os prezos de produción e que prexudica a moitas dos e das produtoras gandeiras galegas. Por outra parte, tamén se reclama o maior control da cadea alimentaria en canto non se venda carne por debaixo dos custos de produción, algo que, segundo fontes consultadas, si se está dando en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta