Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/08/2023 | Actualizada ás 12:12
A Xunta activou a alerta por un episodio de calor esta semana, co martes e o mércores como xornadas coas temperaturas máis altas. De feito, nas próximas horas, decretouse alerta vermella para a zona de Valdeorras, e alerta laranxa para o sur de Lugo, Miño de Ourense, costa da provincia de Pontevedra e parte do litoral coruñés.
Así, para este luns, a Xunta declarou, a través do Comité Permanente, a alerta amarela para o sur de Lugo e a montaña de Ourense, e a alerta laranxa para a zona de Valdeorras.
Para este martes, as previsións apuntan a unha subida das temperaturas, tanto mínimas como máximas, en toda a Comunidade Autónoma, de maneira que aumentará o nivel de alerta a vermella en Valdeorras, laranxa no sur de Lugo, Miño de Ourense, costa de Pontevedra e suroeste do litoral da Coruña, con alerta amarela para o resto do territorio.
Se este luns as temperaturas superaron amplamente os 35 graos en puntos do interior, prevese que martes e mércores os termómetros suban por encima dos 40 graos en zonas de Ourense, e os 35 graos noutras comarcas galegas. "Xa o xoves empezará descender un pouco a temperatura, sobre todo polo litoral, onde empezarán as brisas, e isto achegará algunha nube baixa ou néboa, aínda que as temperaturas manteranse altas", informaron fontes autonómicas. Entre o venres e o sábado espérase unha "caída notable" das temperaturas".
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece ao redor do mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos.
PLAN DO COMITÉ DE COORDINACIÓN
O plan do comité de Coordinación para episodios de calor, operativo desde xuño, establece as medidas necesarias para reducir os efectos das altas temperaturas na saúde, así como os sistemas de previsión, alerta e comunicación, e prevé a sistemática de intervención segundo os niveis de alerta. Ademais, tamén establece as canles de comunicación entre os departamentos autonómicos implicados.
Deste xeito, a Dirección Xeral de Saúde Pública comunica a situación de alerta ao Sergas, ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e á Consellería competente en Política Social e Xuventude para a activación dos seus protocolos específicos.
CONSECUENCIAS DA CALOR NA SAÚDE
Segundo lembrou a Xunta, a exposición a altas temperaturas pode provocar mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncopes, deshidratación, insolación ou golpe de calor. Así, pódense alterar as funcións vitais se o corpo non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura.
A calor excesiva pode producir perda de líquidos e de electrolitos, que son necesarios para o funcionamento normal dos órganos. Os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados en persoas con enfermidades crónicas ou con certas discapacidades, e as persoas maiores ou os nenos moi pequenos son máis sensibles a eses cambios.
RECOMENDACIÓNS
Ante esta situación, a Consellería de Sanidade trasladou unha serie de consellos á poboación: beber máis líquidos do habitual sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas, usar roupa lixeira de tecidos naturais, cores claras e folgada, usar chapeus, lentes de sol ou aplicarse crema solar protectora.
Tamén aconsella o emprego de calzado cómodo e transpirable, permanecer en espazos ventilados ou acondicionados no interior de edificios, baixar as persianas das vivendas durante o día (abrilas de noite para ventilar e refrescar), ou darse unha ducha ou baño tépedo nos momentos de calor máis intensa.
Ademais de eludir as concentracións de persoas en locais sen aire acondicionado, Sanidade recomenda evitar saír ao exterior nas horas de máis calor, reducir a actividade física, buscar as zonas de sombra e non deixar animais, nenos ou persoas maiores no interior de coches estacionados. Na praia, recoméndase evitar as horas centrais do día, non quedar durmido ao sol, e utilizar as cremas de maior factor fotoprotector (nunca inferior a 15 FP).
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou da situación aos concellos das provincias afectadas; deputacións; servizos provinciais; e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros. Deste xeito, espérase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.