Dime do que presumes

A comezos de agosto, o coordinador de Podemos en Galicia, Borja San Ramón, publicaba unha colaboración no xornal “Público”: “Primero el Estado, después la Xunta: la próxima Galicia progresista”, que me fixo lembrar un refrán moi coñecido: “Dime do que presumes e direiche do que careces”.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 25/08/2023

Comparte esta noticia
San Ramón fai unha análise da situación política en Galicia, á luz dos resultados das pasadas eleccións xerais, no que mestura a realidade cunha boa dose de delirio político. Si é real, da súa análise, que cos resultados acadados polas forzas progresistas o 23 de xullo pasado a porta a un goberno progresista na Xunta de Galicia quedou aberta, cando menos non está con sete fechaduras. Os partidos progresistas suman mais votos que o conxunto das forzas conservadoras e ultraconservadoras. Pero iso é unha oportunidade que haberá que ver si se sabe aproveitar. Lembremos que Sumar conta cunha estrutura moi cativa, que non ten candidato ou cunha candidata de cara ás autonómicas e que o PSOE aínda ten por dirimir quen vai a ser o seu (aínda que o único que ten papeletas sexa José Ramón Gómez Besteiro). E está por ver quen conforma goberno en Madrid, que non ten pouca influencia sobre o estado de ánimo dos partidos.
 
Non entro na moi discutible afirmación de que os resultados das Xerais sexan, sequera, unha boa base para facer unha proxección de cara a unhas autonómicas en Galicia, nas que todo apunta a que o voto na esquerda muda de forma substancial entre as distintas forzas.
 
O coordinador de Podemos, chega a afirmar (esta é a parte do delirio) que “Podemos Galicia é unha organización política fundamental para o que ven”, ou “Podemos Galicia é a organización que sostivo a acción política do espazo de esquerdas nos últimos anos e con capacidade de ter unha rede por todo o país”.
 
A realidade semella ser outra.
 
Que aporta hoxe Podemos en Galicia?. Os datos son crueis. Nada. Menos que nada. Podemos é a organización que tivo na súa man ser todo (na esquerda española) e optou por ser nada. Un camiño con mais semellanzas ao que seguiu Ciudadanos do que lle gustaría recoñecer os seus dirixentes. Datos: nas municipais de 2023 (despois de, en 2019, facer todo o posible para rebentar todas as candidaturas unitarias), en Ferrol Podemos acadou o 1,65% dos votos (competindo con Ferrol en Común); en Lugo o 1,44%; en Pontevedra o 1,39%, en Ourense o 1,43%. A maior pegada de Podemos en Galicia foi en Coruña, onde foron fundamentais para darlle a estocada a Marea Atlántica (coa axuda preciosa de Yolanda Díaz, nun exercicio alucinante de miopía política), quedando se representación, e en Vigo, onde se pode afirmar, sen xénero algún de dúbida, que a imposición polos “podemitas” do seu nome na papeleta electoral (Podemos-Marea de Vigo, no canto que só Marea de Vigo, como en 2015 e 2019) foi decisiva na perda dos milleiros de votos que a privaron de representación (4,82% fronte ao 6,95% en 2019).
 
Podemos é en Galicia unha forza política queimada, da que os votantes teñen fuxido en tropel. Tamén no resto do Estado. En centos de lugares as divisións propiciadas por Podemos, sustentadas nunha incapacidade absoluta para ler o momento político (aínda viven saboreando as meles dos resultados do 2015 cando as siglas Podemos garantían, cando menos, un aceptable resultado electoral) privaron á esquerda do PSOE de representación, impulsando a constitución de maiorías ultra conservadoras e reaccionarias. 
 
Que aportan Ione Belarra ou Irene Montero?. Nada. Peor aínda, restan votos. Non hai que ser ningún experto en barómetros electorais para sabelo, so andar un pouco pola rúa e falar un chisco coa xente. So iso. 
 
Irene Montero e a Secretaria de Estado de Igualdade Angela Rodríguez, a mediocridade convertida en alto cargo, foron as protagonistas da maior crise política do goberno, que ten suposto un enorme custe a nivel reputacional, e que se empeñaron, dende o primeiro momento, en xestionar da peor forma posible. É o que pasa si o “ego”, e non a razón e a reflexión, ocupa todo o espazo e si te rodeas de “hooligans” que acirran todas as túas saídas de ton.
 
A xestión que dende o Ministerio de Igualdade, é dicir Podemos e Irene Montero, se fixo da crise da lei do “so si é si” será estudiada como exemplo de mala praxe. Non tardaremos en ver algún traballo de fin de grado ou de fin de master no que se recollan e analicen todos os erros que cometeron, case todos tan bastos que son imposibles de xustificar: silencio, negación, botar as culpas a outros... lembrade: pasouse de dicir que non pasaría nada a botarlle a culpa a eses xuíces retrógrados... e logo ao silencio e desaparecer a ver si así o problema se esquecía... O dano ao goberno, a Sumar, foi incalculable. Pero non houbo nin un cese nin unha dimisión. Nin o mínimo recoñecemento de culpa. É a marca da mediocridade. O dano trasladouse sen dubida aos resultados electorais. Foron Irene Montero e Ángela Rodríguez as maiores subministradoras de munición á dereita española.
 
O papel de Podemos, nomeadamente de Ione Belarra, como voz de Putin no consello de ministros so o imos mencionar, merece un análise detallado. Podemos ven actuando dende febreiro de 2022 como un tentáculo do Kremlin, entorpecendo e dificultando o apoio español á resistencia de Ucraína ante a agresión rusa. As declaracións vergonzosas de Belarra cada vez que o goberno español aprobaba un envío de armamento a retratan perfectamente. 
 
Uns días despois da publicación do artigo de Borja San Ramón, os medios galegos fixéronse eco do comunicado de protesta do sector crítico da organización (que a finais de 2022 acadou arredor dun terzo dos votos coa candidatura encabezada por Gonzalo Busqué). Poucos e revoltos. A realidade supera á ficción. “A vida de Brian”, a película dos Monty Python, de 1979,  describiu moi ben a situación: o Frente Xudaico de Liberación e a súa loita cainita contra o Frente de Liberación de Xudea, e viceversa... e os romanos de festa!. A esquerda infantil que uns e outros representan (e falo dos de Podemos!) ten esas cousas. 
 
Remato cuns refráns que ven farían aqueles que estean na labor de crear unha estrutura de Sumar en Galicia de ter en conta. Son moi coñecidos, non descubro nada.
 
O primeiro: “Quen con nenos se deita mexado levanta”. Creo que non hai moito que explicar. Podemos deu, e da, probas sobradas do seu infantilismo e da súa inestabilidade, facer negocios con eles é un asunto de alto risco, que non recomendaría a ninguén. E meter dentro a mazá da discordia, o intriguismo sen fin... 
 
Vai o segundo: “Traballo feito non corre presa”. Serán capaces de aprender os que hoxe promoven Sumar en Galicia, que teñen a experiencia de En Marea en 2016, dos erros que daquela se cometeran?. 

O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón.
O coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón. | Fonte: PODEMOS GALICIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.