CIG critica que a Xunta financie en educación concertada medidas de atención á diversidade que non apoia na pública

A orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) regula axudas a centros privados concertados para atender ao alumnado con NEAE, dotadas con 450.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

CIG-Ensino denunciou que a Consellería de Educación financia na educación concertada medidas de atención á diversidade que "non dá en centros públicos" tal e como recolle, sinalan, a orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), que regula as axudas a centros privados concertados para atender ao alumnado con NEAE, dotadas con 450.000 euros.

Estas subvencións, explican nun comunicado, poden destinarse á contratación de perfís profesionais que non existen na educación pública e que o sindicato, apuntan, xa reivindicou ante o aumento de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, como é o caso de logopeda, fisioterapeuta, pedagogo, traballador social, educador social ou terapeuta ocupacional.

Afirma o sindicato que o departamento autonómico "volve beneficiar á educación concertada con respecto ao público, cando é ben sabido que a porcentaxe deste colectivo é moito menor que nos centros de xestión pública". "Ademais, como xa é habitual, esta orde inclúe como finalidade destas axudas a contratación de persoal que non existe na educación pública e que cada vez máis se demanda desde os centros como logopedas, fisioterapeutas, psicólogos, pedagogos, traballadores e educadores sociais ou terapeutas ocupacionais", inciden.

Así as cousas, a CIG esixe á Xunta que "cambie a súa actitude de recortes continuos" de persoal específico de atención á diversidade: persoal de Orientación e especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, que se faciliten os desdobramentos que demandan os centros coa consecuente contratación do profesorado necesario e que se teña en conta a diversidade existente cada vez máis nas aulas, "con especial atención para os efectos sobre a estabilidade emocional do alumnado con múltiples casuísticas nos centros públicos sen atender".

Neno nunha aula
Neno nunha aula | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta