Jordi Évole, El Follonero, premio José Couso de Liberdade de Prensa

Destaca que se considera un “privilexiado” por facer o que fai no seu programa. “Un privilexio que outros moitos non poden”, di.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/05/2015 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

O xornalista e presentador Jordi Évole foi proclamado gañador da XI Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, un ano máis, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. O fallo deuse a coñecer este xoves na sede de la Caixa na Coruña, nun acto que contou coa intervención do propio premiado en conferencia telefónica.

Jordi Évole, premiado co José Couso de Liberdade de prensa
Jordi Évole, premiado co José Couso de Liberdade de prensa

De feito, o premiado dixo sentirse honrado polo galardón porque "José Couso é un símbolo a nivel internacional para toda a profesión". Évole aseurou que se considera un "privilexiado porque ten a forza da xente que ve o seu programa" e iso dálle "a liberdade de escoller os temas e de pelexar por eles". “Os que teñen ese privilexio teñen que exercelo por moitos outros que non poden, de xeito que se poda ir abrindo camiño", dixo. 

Évole resultou gañador, fronte a outros cinco candidatos, por maioría e sen necesidade de voto de calidade do presidente do premio. Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. 

Durante o acto, Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG,  destacou que "é moi bo sinalar que algo feito por xornalistas chegue á undécima edición e tamén é revelador dos tempos que vive a profesión que o premiado sexa alguén que non sofre a falta de liberdade de prensa senón que a ten, porque a foi conquistando día a día". "O que os xornalistas premian", asegurou, "é a envexa sá de marcar a axenda e non de que nola marquen".

Tamén o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López,  salientou que o Club de Prensa de Ferrol e o CPXG levan once anos organizando este premo e farán o que faga falta para continuar con el. 

O premiado

Jordi Évole Requena (Cornellá de Llobregat, 1974) é xornalista, presentador, guionista de televisión e tamén escribe artigos de opinión. Estudou Comunicación Audiovisual na Universidade Autónoma de Barcelona, UAB, comezando a traballar como locutor de partidos de fútbol no programa Carrusel Catalunya, de Radio Barcelona. Seguidamente, traballou nos Informativos de Telecinco, da Cadena SER e como videoxornalista na televisión local Viladecans Televisió.

No ano 2000 entra na produtora El Terrat como guionista do programa La Cosa Nostra, de Andreu Buenafuente. Logo foi subdirector do programa Buenafuente, en La Sexta, onde destacou interpretando ao seu personaxe máis famoso: El Follonero.

En 2008 estrea Salvados, un programa que mestura reporteirismo atrevido cunha perspectiva irónica e que foi evolucionando cada vez máis cara á información-denuncia. Ao longo da súa traxectoria viuse en ocasións ameazado, e noutras presionado para non emitir determinadas reportaxes.

O seu estilo particular e o éxito de audiencia fíxoo merecedor de diversos Premios (Ondas, Iris, Antena de Ouro, Premio Internacional de Xornalismo Manuel Vázquez Montalbán, entre outros moitos).

Jordi Évole sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013) e Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014) foron ata agora os galardoados coa estatuiñas das ‘Ás Ceibes’

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’ organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 F2bY

¿E isto non virá sendo como se Looney Tunes premiase a Bugs Bunny, ou como cando os concellos da UPG lle daban premios literarios a Callón?

1 A grande loitadora da GZ

hahaha, inda é simpático o teu comentario. Continua e conta os comentarios agudos que seguro escrebestes hai un ano canda lhe deran a Medalha Castelao a Carmen Fraga, porque ahí tivestes que estar aghudo aghudo...