O PSdeG reclama a gratuidade dos libros de texto e denuncia os recortes da Xunta no ensino público

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, declarou que "o ano que vén, cando esteamos no Goberno de Galicia" recuperarán os libros de texto gratuitos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2023 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, denunciou recortes no ensino público por parte do Goberno galego e reivindicou que se recupere os libros de texto gratuítos, un compromiso que situou como obxectivo dos socialistas galegos de face ás próximas eleccións autonómicas e unha posible vitoria por parte deste partido.

"Temos 116 colexios menos en Galicia que en 2008, este ano dous menos que en 2022; con 1.800 alumnos e alumnas menos", sinalou e engadiu que o curso comeza con "69 unidades educativas menos e ao redor de 90 profesores menos que en curso pasado".

Para González Formoso, estes datos demostran que existe "un problema demográfico enorme" na comunidade galega. "Non hai renovación na educación e isto supón que haberá loxicamente problemas de sustentabilidade de todos os servizos públicos no futuro", sinalou.

Ao mesmo tempo, criticou o feito de que as familias "teñan que afrontar ao comezo do curso 420 euros de carga económica". "É un problema que non debería estar a ocorrer", recalcou.

Neste sentido, o líder socialista dixo que a súa formación aposta pola gratuidade dos libros de texto, unha medida que o PSOE "puxo en marcha no seu día". "Comprometémonos a que o ano que vén, unha vez que esteamos no Goberno de Galicia, a recuperar esta medida que é unha aposta clara pola educación pública", afirmou.

González Formoso fixo estas declaracións nun acto de inauguración do curso escolar no IES Rosalía Mera da cidade herculina, centro con máis de 300 estudantes no que se imparten 11 ciclos formativos de FP.

SERVIZOS PÚBLICOS

Na mesma liña, nunha rolda de prensa celebrada este luns, a viceportavoz parlamentaria da formación Begoña Rodríguez Rumbo denunciou falta de compromiso do Goberno galego na defensa dos servizos públicos, que provoca "o recorte da sanidade" e o "desmantelamento" da educación pública.

Neste sentido, apuntou ao "constante peche de unidades" que provoca aulas "cada vez máis masificadas", como consecuencia da falta dunha "aposta real pola educación pública" por parte do Goberno galego.

O secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no acto de inauguración do curso escolar no IES Rosalía Mera da cidade herculina. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O secretario xeral do PSdeG e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, no acto de inauguración do curso escolar no IES Rosalía Mera da cidade herculina. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta