Os 12.000 cruceiros de Galicia que protexeron aos camiñantes contra a Santa Compaña

A Santa Compaña era un grupo de mortos ou de ánimas en pena vestidas con túnicas negras (ou brancas, nalgúns casos) con carrapucha, que vagaba polos camiños durante a noite. Tal procesión aparecía acompañada, encabezada en moitos casos, segundo relataban as testemuñas, dunha persoa viva, un mortal que nas súas mans levaba, ás veces, unha cruz. Vagaba noite tras noite ata que morría.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Para a pensar un anaco. Cantos cruceiros coñeces ou viches na túa vida? De seguro que en moitos nin tan sequera te detiveches un minuto. E de seguro que preto da túa casa ou da dun coñecido tes algún. Ao longo de todo o Camiño de Santiago, ademais, hai moitos, a cada paso, prácticamente. E sabes para que? A súa función principal, situados nas encrucilladas de camiños maioritariamente, é a de protexer aos camiñantes na súa andaina. Pero, protexelos de que? Dos malos espíritos que rondan (ou, alo menos, eso se dicía antano) a nosa terra. Certo é que para moitos tamén son un modo de pedir perdón a Deus polos pecados cometidos (moitos debemos ter cometido en Galicia, pois).

Recreación da Santa Compaña
Recreación da Santa Compaña | Fonte: Arquivo

Quedándonos coa idea de protección, habería que pensar en que malos espíritos acosaron a Galicia no seu pasado. Sónache a Santa Compaña? Parte da tradición oral galega e aínda hai moitos anciáns nas aldeas do rural máis fondo que se acordan de historias relacionadas con ela. Hai que ter en conta que nunha Galicia de hai décadas, onde a electricidade non chegara ás zonas máis difíciles da nosa orografía, os camiños de monte eran altamente transitados por veciños cada día, que tiñan que desprazarse ata as súas fincas, a gardar os animais ou a recoller a colleita. Sen iluminación, as velas eran a única opción para ver algo no medio do monte nos escuros días de inverno onde a luz do sol chegaba nada e menos caída a tarde.

Neste contexto, non eran poucos os que mencionaban ou falaban de coñecidos que lles contaran historias sobre a Santa Compaña, cuxa aparición era sinónimo de traxedia ou aviso de morte, xa dende os séculos XI e XII. Realmente, a Santa Compaña como tal tratábase da aparición dun grupo de mortos ou de ánimas en pena vestidas con túnicas negras (ou brancas, nalgúns casos) con capucha, que vagaban polos camiños durante a noite. Cada pantasma portaba unha vela acesa e, ao seu paso, deixaba un forte cheiro a cera ou incienso que se quedaba no ambiente, primeiro indicador da súa presenza para os vivos.

Mais a Santa Compaña non só era un desfile de ánimas, senón que tal procesión aparecía acompañada, encabezada en moitos casos segundo relataban as testemuñas, dunha persoa viva, un mortal que nas súas mans levaba ás veces unha cruz e outras veces un caldeiro con auga. A el seguíanlle varias personaxes encapuchadas que entoaban cánticos e rezos portando velas, así como unha pequena campanilla, o segundo aviso para o resto de vivos. Ao seu paso, a procesión levantaba unha densa néboa e vento, un terceiro aviso.

A persoa viva que precedía á procesión podía ser un home ou unha muller, dependendo de se o patrón da súa parroquia era un santo ou unha santa. E existe a crenza de que quen realizaba esta función non lembraba nada do sucedido no transcurso da noite anterior. Eso si, as persoas escollidas presentaban unha característica moi concreta, non valía calquera: eran nenos aos que se lles bautizara por erro usando óleo de defuntos. Esa persoa acababa presentando unha delgadeza extrema co paso do tempo, e unha excesiva palidez, indo en aumento porque a Santa Compaña non lle permitía descansar nin unha noite, ata que morría. A única forma de salvarse era atopando a outro incauto ao que pasarlle a cruz.

Pero tamén existían métodos para salvarse de ser atrapado por esta procesión de defuntos, como debuxar un círculo de Salomón no chan con tiza ou sal, tumbarse boca abaixo, rezar ou, a vía máis sinxela, fuxir correndo. E, por sorte, inventáronse os cruceiros, que espantaban de pasar por onde estaban ás ánimas. Deste xeito, o método máis seguro para chegar dun punto a outro era atravesar por camiños salvagardados por cruceiros. Hai datas nas que a súa aparición é máis frecuente, mesmo polo día, como na xornada de Todos os Santos ou en San Xoán. 

Estímase que no conxunto de Galicia hai ao redor de 12.000 cruceiros. O máis antigo data do século XIV e atópase en Melide, do que só se conserva a cruz e a parte do capitel, asentados sobre un soporte da época moderna. Pero o máis famoso é o de Hío, xunto á igrexa de San Andrés, unha auténtica xoia do estilo barroco. Tendo en conta que Galicia ten 29.575 kilómetros cadrados, esta cifra de cruceiros supón que cada 2.500 metros, máis ou menos, debe haber un cruceiro. Se te cruzas coa Santa Compaña a día de hoxe, sube aos peldaños dun cruceiro e estarás protexido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta