Concello e Deputación de Pontevedra trasladan a súa vontade de colaborar: "Únenos o mesmo fío común: os pontevedreses"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación provincial, Luís López, mantiveron este xoves o seu primeiro encontro institucional, tras o que ambos coincidiron na súa vontade de colaborar en beneficio da cidade.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/09/2023 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Deputación provincial, Luís López, mantiveron este xoves o seu primeiro encontro institucional, tras o que ambos coincidiron na súa vontade de colaborar en beneficio da cidade. Na visita á sede municipal da rúa Michelena, do mesmo xeito que fixeron todos os anteriores presidentes e presidenta da Deputación, Luís López, asinou no libro de honra do Concello, onde deixou a seguinte dedicatoria: "Ao Concello e á Deputación únenos o mesmo fío común: os pontevedreses".

Lores agradeceu ao presidente que elixise a Pontevedra como primeiro municipio para visitar oficialmente como novo responsable provincial despois da súa toma de posesión o pasado mes de xullo. O alcalde valorou "moi positivamente" este encontro, que serviu para abordar as relacións entre as dúas institucións dado que a Deputación ten na cidade non só as súas sedes política e administrativa, senón moitos dos organismos e entidades dependentes dela como o Museo, a Cidade Infantil Príncipe Felipe, o ORAL, a sede de Turismo Rías Baixas, a estación fitopatolóxica do Areeiro, entre outros. "Hai unha interdependencia indiscutible", sinalou o rexedor, "Pontevedra non se pode entender sen estas dúas institucións", engadiu o presidente.

"Sen aspirar a ter un convenio de capitalidade como ten Santiago, nós esperamos que haxa unha deferencia como sempre houbo da Deputación co Concello de Pontevedra", comentou o alcalde. Despois desta entrevista, a conclusión á que chegou Miguel Anxo Fernández Lores é que "vai seguir existindo e a existir esa colaboración institucional en todos os sentidos" e por tanto dixo estar "moi satisfeito". Lores detallou que haberá "colaboración económica en proxectos do propio Concello" e tamén axuda municipal para iniciativas que son "comúns e de interese mutuo".

Ao alcalde preocupáballe "a forma de colaboración entre Concello e Deputación" pois ata agora había unha participación económica de preto de tres millóns de euros anuais en proxectos e convenios específicos que, segundo confirmou Luís López, vaise a manter, polo que Lores dixo estar "encantado". Tamén o presidente da Deputación agradeceu o "ton cordial total e absoluto" deste primeiro encontro. "Creo que damos un bo exemplo", comentou, "o que os cidadáns non esperan de nós é unha crispación permanente nin que convertamos as institucións en trincheiras".

SANTA CLARA E O MUSEO

Entre os asuntos "estratéxicos" abordados neste encontro tiveron un papel destacado o proxecto de rehabilitación do antigo convento de Santa Clara e a reforma dos edificios históricos do Museo na Praza da Leña que, "van seguir na súa globalidade máis ou menos como estaban previstos, de acordo cos convenios que temos asinados", dixo o alcalde. "Aquí concordamos plenamente no obxectivo", ratificou Luís López.

Respecto ao antigo cenobio das clarisas, a Deputación realizará unha inspección para avaliar o seu estado estrutural e de conservación, analizará todos os plans en marcha "para axilizalos" e logo procederá a "considerar canto antes a apertura de espazos do convento para actividades culturais e educativas". "É un proxecto de cidade", destacou o presidente provincial.

En canto aos edificios históricos da institución museística: o García Flórez e o Castro Monteagudo, a Deputación está pendente de recibir a cesión do subsolo por parte do Concello e o permiso de Patrimonio, para sacar a licitación esta obra que conta cun orzamento de 8 millóns de euros e un prazo de execución de 24 meses.

Na reunión tamén falaron sobre o convenio para construír o viario de acceso a Montecelo, sobre a rexeneración da Xunqueira de Alba, e da construción do novo viario de Mollabao, entre a estrada vella e a avenida de Marín, un convenio subscrito en decembro de 2020 e que debe ser prorrogado á espera da autorización de Costas do Estado. "Todos os convenios asinados vanse a rematar", concluíu Lores.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: CONCELLO DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta