Os estudantes de Erasmus en países europeos recibirán 1.700 euros este ano, mentres que os do resto do mundo chegarán a 2.500

Galicia incrementa este ano nun 20 % o orzamento para o programa de mobilidade de estudantes universitarios en países extracomunitarios fose do programa Erasmus+, que alcanza os 284.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/09/2023 | Actualizada ás 15:39

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia incrementa este ano nun 20 % o orzamento para o programa de mobilidade de estudantes universitarios en países extracomunitarios fose do programa Erasmus+, que alcanza os 284.000 euros. Por primeira vez, tal e como destacan nun comunicado, esta convocatoria diferencia a dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria en función de onde realice o programa de mobilidade.

Así, a contía para os estudantes que participen en intercambios en países de Europa mantense en 1.700 euros e establécese unha nova axuda de 2.500 euros para as estancias no resto do mundo. "Desta forma, o departamento educativo do Goberno galego contribúe a paliar os efectos da inflación sobre este tipo de programas de mobilidade, facilitando que calquera estudante poida participar neles en igualdade de oportunidades, independentemente da súa situación económica", defenden.

Poderán solicitar estas bolsas o alumnado que estea matriculado no curso 2023/24 en calquera das universidades públicas galegas, en estudos oficiais conducentes a unha titulación de grao e que teña autorizada a súa participación no programa de mobilidade pola súa correspondente universidade.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 16 de outubro. Formalizaranse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e, unha vez realizada a solicitude, deberá ser asinada con calquera dos sistemas admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento establecido. Destacan que o obxectivo desta liña de axudas é favorecer a participación dos mozos galegos en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan incrementar a súa haber lingüístico e cultural.

Un grupo de estudantes
Un grupo de estudantes | Fonte: Glòria Sánchez - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta