Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2023 | Actualizada ás 13:48
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou un acto no que participaron todos os seus conselleiros, así como altos cargos da Administración galega, para anunciar unha nova medida que se plasmará nos próximos orzamentos para 2024: o impulso dun bono de 120 euros para axudar aos escolares de entre seis e 16 anos que "queiran practicar deporte e estean federados".
Nun acto de inicio dun curso que terá carácter electoral (posto que, aínda que non haxa adianto, as eleccións autonómicas tocarían o ano próximo) baixo o lema 'Feitos, obxectivos, futuro', no que chamou ao seu equipo a "non conformarse" e seguir gobernando sen caer en "inercias", Rueda reivindicou o compromiso do seu Executivo con "axudar ás familias" e formalizou este anuncio. Segundo cálculos da Xunta, o bono podería ter uns 135.000 beneficiarios.
"Queremos axudar ás familias nestes gastos engadidos aos tradicionais da volta ao 'cole', e tamén se trata, e creo que é moi importante, de fomentar o deporte e a vida saudable entre os máis pequenos", recalcou, nun evento no que foi repasando os fitos dos principais departamentos autonómicos, e no que, tras reivindicar a estabilidade autonómica, garantiu que Galicia terá os orzamentos de 2024 aprobados no prazo correspondente.
"Por suposto que imos ter orzamentos cando chegue o 31 de decembro. Facenda e o resto de consellerías están a traballar, levan meses traballando", recalcou, antes de incidir en que manterá as súas reivindicacións ao Goberno en asuntos de relevancia para Galicia como as infraestruturas, algunhas, reprobou, con "atrasos incomprensibles" ou que van "a un ritmo moito máis lento do que deberían".
Neste punto, ratificou que o ano próximo non haberá subidas de peaxes nas autoestradas de titularidade galega nin tampouco haberá "novos peaxes, mentres que se dará impulso a autovías moi importantes. "Aí están os avances de Nadela-Sarria, Tui-A Guarda ou Santiago-A Estrada", exemplificou, e avanzou a vontade de manter o transporte público gratis para os mozos a través do cartón 'Xente Nova'.
"E seguiremos cunha intensa bonificación para a poboación en xeral", apostilou, ademais de avanzar que o Executivo autonómico tamén manterá a aposta pola cultura e pola lingua. "Temos a enorme riqueza de ter dúas linguas e de ter unha cultura con moitísima identidade, con moitísima tradición, con moitísima forza e, sobre todo, con moitísimo futuro", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.