Por Galicia Confidencial | Cabanas | 20/09/2023 | Actualizada ás 10:00
Os antifascistas que loitaron contra o levantamento militar e a ditadura de Franco en Cabanas serán homenaxeados este sábado en Regoela. O historiador e decano da Facultade de Filosofia e Letras da Universidade de León Javier Rodriguez guiará un cortexo cívico polos lugares dos Xicos e a Lousada, finalizando no lugar onde escapou Amador Barcia cando o levaban para asasinalo no cemiterio de Sillobre.
Javier Rodriguez é natural de Fene e está considerado un dos expertos no estudo da guerrilla antifranquista galega con numerosas publicacións sobre o tema. Tamén falarán Henrique Sanfiz e Anxos García Fonte. As persoas participantes visitarán os lugares onde mataron a Baltasar López Ardao “Sumeiro” e a Manuel Eibe Vilar. Tamén se falará de Jesús López Ardao, Amador Barcia, Pedro Rico Rodeiro, Constantino López Marcos e de moitas outras persoas da zona que loitaron pola liberdade e contra a ditadura iniciada co golpe de estado de 1936.
A xornada continuará co descubrimento dunha placa en lembranza da loita contra a ditadura na escola de Lavandeira, colocada polo Bloque Nacionalista Galego, que tamén organiza un xantar de confraternidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.