Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 21/09/2023 | Actualizada ás 16:14
Os arqueólogos que dirixen a exhumación dunha fosa común da Guerra Civil no Cemiterio de Bértoa, en Carballo, acharon os primeiros restos e evidencias de violencia, como un casquillo de bala. Diso informou a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, que explica que o lugar no que se produciu o achado fora sinalado por unha veciña. Alí espéranse atopar os restos de catro persoas asasinadas por pistoleiros franquistas: Francisco Miguel Fernández Díaz, Juan Boedo Pardo, de Pedro Pinilla Calvete e o seu pai Pedro Pinilla Fraga.
Nun comunicado, a asociación explica que varios familiares que estaban presentes no momento do achado recibiron con emoción o encontro despois de dous días nos que non aparecían probas. Os traballos de exhumación están dirixidos polo arqueólogo Serxio Castro, que rebaixa o chan para poder seguir traballando á mesma altura á que se acharon estas primeiras evidencias.
A ARMH ten contacto con tres das familias pero leva tempo tratando de localizar algún achegado de Pedro Pinilla Calvete ou de Pedro Pinilla Fraga, para que poidan asistir á exhumación e se lles tomen mostras de ADN para unha posible identificación xenética dos restos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.