Vídeo.- O mar ocupa o seu espazo: as mareas vivas asolagan casas en Corrubedo

"Onte chegou ata aquí", dicíanos un veciño da zona sinalando a parte baixa do muro da súa casa mentres colocaba unhas pedras para conter unha nova invasión do mar na súa vivenda. Asegura que este ano chegaron con moita forza as ondas, e que cada ano semella que van a máis. "Cando eu era pequeno non chegaban as mareas ata aquí nunca", aseguraba.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/10/2023 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

As mareas vivas de finais do mes de setembro, que tiveron lugar esta fin de semana en numerosas localidades costeiras de Galicia, deixaron algún que outro susto naquelas vivendas que, polos anos de construción, están pegadas ao mar. En zonas como Corrubedo, preto da Rúa do Porto, as casas lindeiras á praia sufriron a chegada das mareas ata os seus muros traseiros.

As mareas vivas chegaron ata os muros das vivendas de Corrubedo, a 30 de setembro de 2023
As mareas vivas chegaron ata os muros das vivendas de Corrubedo, a 30 de setembro de 2023 | Fonte: GC

"Onte chegou ata aquí", dicíanos un veciño de avanzada idade da zona sinalando a parte baixa do muro da súa casa mentres colocaba unhas pedras para conter unha nova invasión do mar na súa vivenda. Asegura que este ano chegaron con moita forza as ondas, e que cada ano semella que van a máis. "Cando eu era pequeno non chegaban as mareas ata aquí nunca", aseguraba.

Cal é a razón de que agora si suba tanto a marea? Non o sabe moi ben, pero bótalle a culpa ao espigón que construíron ao redor do que se coñece como Farola de Corrubedo. "Dende que foron facendo ese muro máis grande a auga xa non se detén alí, senón que se desvía cara aquí con máis forza, polo que bate contra estes muros (das casas)", alerta. 

Apenado, recorda como "os meus avós viñan ata aquí co carro dos bois e cargaban as pedras que ves por aí pola praia (de tamaño considerable) para construír todas estas casas", e, agora, "semella que van sucumbir á forza do mar", polo impacto das actividades do ser humano sobre o curso natural dos ecosistemas, como sucede sempre.

Na zona, que conta con pequenas praias ás que teñen acceso todas as vivendas pola súa parte traseira, xa non quedaba prácticamente area por somerxerse baixo o nivel do mar. Pasar por alí, coa forza que acarreaban as ondas, era esta fin de semana moi perigoso, pois a forza da corrente arrastrábache cara dentro nos momentos máis álxidos das mareas vivas.

As mareas vivas chegaron ata os muros das vivendas de Corrubedo, a 30 de setembro de 2023
As mareas vivas chegaron ata os muros das vivendas de Corrubedo, a 30 de setembro de 2023 | Fonte: GC

De feito, nestas pequenas praias hai algúns postes con pedra na súa base que se usan para amarrar pequenas embarcacións dos veciños. Un deles xa lucía tumbado: "Mira a base de pedra que ten (moi grande e ancha) e a marea arrasou con el onte, aí o deixou, a medio caer", contábanos o veciño, que tamén alertaba de que "toda a area que falta aquí está aí no medio do mar", pois foi arrastrada. Tanto é así que as escaleiras de baixada á praia xa se quedan curtas, necesitando un chanzo máis para poder chegar á area sen ter que saltar.

Hoxe por hoxe, a Lei de Costas impediría a construción destas vivendas nunha zona tan próxima ao mar, pero como di este veciño "cando eu era neno o mar non chegaba aquí". Ademais, "se che expropian danche practicamente nada polo valor da casa", evidencia. Por sorte, aínda non teñen que lidiar con este problema, pois o efecto retroactivo da lei non se aplica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta