Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 08/10/2023 | Actualizada ás 12:35
Tras un longo período de vagar, retomamos a sección de fraseoloxía, desta volta abordando secuencias fraseolóxicas que podemos empregar en galego para transmitir o mesmo contido cás castelás –en non poucas ocasións empregadas no discurso de galegofalantes– echar # ir(se) # salir(se) por los cerros de Úbeda ou echar # ir(se) # salir(se) por peteneras.
De feito, ¡cantas e cantas veces non teremos oído en conversas entre xente de fala galega, naqueles casos en que alguén ou ben empeza a divagar ou ben se desvía –nomeadamente á mantenta– dunha pregunta ou daquilo que está a ser obxecto da dita conversa, que ese alguén se foi ou (se) marchou polos cerros de Úbeda! Mais, tendo en conta que os cerros de Úbeda conforman un accidente xeográfico que nos queda un pouco lonxe, na medida en que se sitúan en Jaén, e que as peteneras son unha das variedades de que dispón o flamenco, dá a impresión de que nestes casos nos atopamos ante fraseoloxismos importados ou calcados desde o castelán.
Cando ademais, na nosa lingua dispomos tamén de fraseoloxismos que dan conta do mesmo significado, como deseguido imos ver:
Echar # Ir(se) # Salir(se) # Escapar(se)... por los cerros de Úbeda
Echar # Ir(se) # Salir(se) # Escapar(se)... por peteneras
{= Divagar para non falar do tema do que se está a tratar, ou desviarse á mantenta dese tema.}
Ir(se) # Saír # Botar # Marchar # Escapar... polo arco da vella
[E MAIS]:
Ir(se) # Saír # Botar # Marchar # Escapar... polos picos dos Ancares
Ex.: Sí, hombre, sí, lo que tú digas. Estaría muy dispuesto a responder a todas las preguntas de los periodistas, pero a la que alguien hizo mención al tema de la corrupción en una de ellas, ya salió por los cerros de Úbeda.
Si, home si, o que ti digas. Estaría moi disposto a responder a todas as preguntas dos xornalistas, pero da que alguén lle fixo mención ao tema da corrupción nunha delas, xa saíu polo arco da vella ‡ xa escapou polos picos dos Ancares.
Ex.: Nada, el detenido no suelta ni prenda. Cuando parece que va a entrar por el aro se echa atrás y se escapa por los cerros de Úbeda.
Nada, o detido non solta landra. Cando parece que vai vir ó rego chámase atrás e escapa polo arco da vella ‡ e vaise polos picos dos Ancares.
Ex.: Su primera cita no le dio buenas vibraciones, porque cuando le preguntó si había estado casado, él salió por peteneras.
A súa primera cita non lle deu boas vibracións, porque cando lle preguntou se estivera casado, el marchou polo arco da vella ‡ el saíu polos picos dos Ancares.
● Tamén, só en contextos, e basicamente asociadas a ámbitos de comunicación informais:
(Poñerse a) Falar dos biosbardos && (Poñerse a) Falar da morte da burra # da morte da ovella # da morte da becerra && (Poñerse a) Falar do xato [e (a) esquecer o trato] # Falar do xato (, esquecendo o trato)
Ex.: Si, home si, o que ti digas. Estaría moi disposto a responder a todas as preguntas dos xornalistas, pero da que alguén lle fixo mención ao tema da corrupción nunha delas, púxose a falar dos biosbardos ‡ púxose a falar da morte da burra ‡ púxose a falar da morte da morte da ovella ‡ púxose a falar do xato e a esquecer o trato.
NOTAS:
1. É de facer notar que as expresións aquí reflectidas poden en ocasións compartir espazos de uso coas correspondentes ás castelás coger # ir(se) # salir(se) # escapar(se)... por la tangente e andar(se) # ir(se) por las ramas, como veremos, libres de mal, nas vindeiras entregas.
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.