Temas: FRASEOLOXíA

Expresións equivalentes en galego á castelá “coger # irse # salirse # escaparse por la tangente”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Santiago de Compostela | 15/10/2023 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Recollendo o testemuño deixado na entrega precedente, imos desta volta con expresións que en galego poden dar conta do contido correspondente á castelá coger # irse # salirse # escaparse por la tangente, tendo en conta que, tal e como xa indicabamos, hai contextos en que as secuencias expresivas de ambos os artigos poden compartir espazos de uso.

Un home chega á cidade de Santiago de Compostela, despois de percorrer o camiño de Santiago, durante o primeiro día no que non é obrigado o uso da máscara en exteriores desde o inicio da pandemia, a 26 de xuño de. César Arxina - Europa Press
Un home chega á cidade de Santiago de Compostela, despois de percorrer o camiño de Santiago, durante o primeiro día no que non é obrigado o uso da máscara en exteriores desde o inicio da pandemia, a 26 de xuño de. César Arxina - Europa Press

 

Coger # Irse # Salirse # Escaparse por la tangente

{= Contestar alguén con evasivas, evitar responder de xeito directo a aquilo que se lle pregunta ou evitar ir ó miolo do tema que se está a tratar, a fin de eludir unha dificultade ou unha situación comprometida.}

Coller # Ir # Saír # Escapar pola tanxente

Pasala aló

Ex.: Cuando le preguntaron sobre su posible separación se escapó por la tangente y salió del paso hablando de su siguiente disco.

Cando lle preguntaron sobre a súa posible separación escapou pola tanxente pasouna aló e saíu do paso falando do seu seguinte disco.

 

● Tamén, posiblemente como expresión creativa individual:

Coller # Saír # Escapar pola estrema

 

● Tamén, en contextos:

Echar balones fuera

Botar balóns fóra

 

● E inda tamén contextos, mais como simples formas verbais:

Escaquearse

Esquivarse

Escamotearse

Ex.: Cuando le preguntaron sobre su posible separación se escaqueó y salió del paso hablando de su siguiente disco.

Cando lle preguntaron sobre a súa posible separación esquivouse escamoteouse e saíu do paso falando do seu seguinte disco.

 

● Igualmente, en contextos, asociadas a rexistros máis familiares e coloquiais:

Ir # Salir de escaqueo

Ir # Saír de esquivada

Ir # Saír de escamoteo

 

NOTAS:

1. A expresión literal que se rexistra no Dicionario fraseolóxico galego de Ramón Anxo Martínez [actualmente, Martíns] Seixo é, en concreto, “pásame esa aló”, que aparece inserida dentro do seguinte contexto, que reproducimos:

«Invitamos a Carlos ao noso aniversario, pero díxonos que non podía vir porque tiña unha viaxe. A min sooume a pásame esa aló

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

 

 

 

 

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta