A oposición alerta da "deterioración" dos servizos públicos tras o informe da Valedora do Pobo

Os populares aseguran que o texto recoñece "esforzos" da Xunta e din que están abertos a calquera suxestión de "mellora".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2023 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición avisaron de que a memoria anual presentada o luns pola valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, alerta da "deterioración" dos servizos públicos, mentres que o PP sostivo que a defensora galega "recoñece" algún dos "esforzos" feitos pola Xunta de Galicia neste ámbito.

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces na Cámara galega, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, advertiu de que o texto evidencia unha "deterioración" na prestación dos servizos públicos, especialmente no relativo á falta de atención presencial nas unidades administrativas da Xunta e tamén no relacionado coa prestación de servizos sociais.

Por iso, considerou que chama a atención que a conselleria de Política Social, Fabiola García, vaia a comparecer no pleno que acollerá o Parlamento galego a próxima semana para falar sobre as escolas infantís xa iniciado o curso escolar "cando o seu sería que falase de cal é a situación de abandono" das persoas maiores de Galicia.

"Non hai persoal suficiente para valorar o seu grao de dependencia, non hai prazas suficientes para atender ás persoas dependentes nin en residencias nin en centros de día", dixo o dirixente socialista, que lembrou que o PSdeG leva "varios anos denunciando" esta "realidade" que o documento presentado pola valedora do Pobo "constata". "Alerta dunha deterioración importantísimo dos servizos públicos e é algo que o señor Rueda terá que analizar e responder na sesión de control", apuntou.

DEPENDENCIA E DISCAPACIDADE

Pola súa banda, o viceportavoz nacionalista Luís Bará explicou que, a falta de realizar unha análise exhaustiva do documento, é importante pór o foco e dar resposta a todo o que ten que ver coas políticas sociais.

Así, lembrou que a memoria do Consello Económico e Social (CES) correspondente a 2022" avisa de que "Galicia está nas últimas posicións do Estado en investimentos per cápita en xeral en políticas sociais, tanto en sanidade como en educación e, especialmente, nas políticas que teñen que ver coa dependencia e a discapacidade".

O parlamentario nacionalista sostivo que este feito afecta especialmente as familias con menos recursos, que están en situación de risco de exclusión e pobreza. "Segundo os últimos datos dispoñibles eran sobre 632.000 persoas", advertiu Bará, que considerou necesario mobilizar recursos para atender as necesidades básicas das persoas que necesitan atención de "todas as administracións públicas".

O PP ASEGURA QUE O INFORME RECOÑECE OS ESFORZOS DE XUNTA

Pola súa banda, o portavoz dos populares galegos no Pazo do Hórreo, Alberto Pazos, destacou que o texto "recoñece algún dos esforzos da Xunta nesta materia" e dixo que o PPdeG "sempre escoita con enorme interese" as achegas que poida realizar a defensoría galega.

"De feito, algunhas en materia de política social xa foron recollidas pola consellería por ser interesantes para mellorar o funcionamento dos servizos", dixo Pazos, que asegurou que están "enormemente satisfeitos do funcionamento da sanidade pública galega" e que "o compromiso de Galicia en materia de política social é recoñecido polo conxunto dos galegos".

Administración da terceira dose da vacina contra a covid-19 en residencias de maiores
Administración da terceira dose da vacina contra a covid-19 en residencias de maiores | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta