Santiago é unha cidade "segura", cunha taxa de criminalidade menor á estatal

A subdelegada do Goberno e a alcaldesa presiden a Xunta Local de Seguridade co foco na violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2023 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, defenderon que a capital galega é "segura", destacando o descenso do 1,3 % no número de infraccións penais cometidas entre xaneiro e xuño deste ano, unha taxa de criminalidade menor á media nacional.

Así se expresaban as dúas responsables institucionais ante os medios este mércores, tras presidir a Xunta Local de Seguridade. A alcaldesa sinalou que "practicamente" o 50 % dos delitos que se cometen en Santiago, esclarécense. "Non hai índices de alarma. Santiago é unha cidade segura", aseverou. Destacou, ademais, o descenso nos delitos de ciberdelincuencia.

Segundo destacaron, un dos temas nos que máis se incidiu na reunión é a abordaxe dos casos de violencia de xénero no municipio. María Rivas destacou a colaboración entre o Goberno e o Concello no seguimento e protección de vítimas, reiterando ademais a "total dispoñibilidade e colaboración" por parte da Subdelegación do Goberno e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para garantir a súa protección.

Lembrou ademais que a localidade está adherida ao sistema Viogen de seguimento policial do Ministerio do Interior. Esta adhesión ten tamén unha vertente económica, que se traduce este ano na transferencia de 34.980 euros ao Goberno local para o desenvolvemento de medidas relacionadas co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Así mesmo, Rivas e Sanmartín anunciaron que se reactivará no Concello a mesa de coordinación interinstitucional de loita contra a violencia de xénero na que están representadas todas as entidades implicadas, directa ou indirectamente. Pola súa banda, a rexedora puntualizou o incremento nos casos de violencia de xénero durante o primeiro semestre deste ano respecto ao mesmo período do ano anterior (ao redor dun 45 %), débese a unha actuación concreta nun clube da cidade onde había mulleres prostituídas.

DOTACIÓN DE POLICÍA NACIONAL

Por outra banda, a subdelegada destacou que a Policía Nacional na Comisaría de Santiago conta actualmente con 260 efectivos, o que significa un incremento do seu persoal nun 19 % respecto ao ano 2018. Esta cifra, indicou, responde o compromiso do Goberno pola recuperación de efectivos policiais tras os recortes de lexislaturas anteriores e é "froito dun dobre esforzo: orzamentario e de formación, para reverter unha situación herdada".

Rivas tamén reivindicou a "boa colaboración e coordinación" coa Policía Local e subliñou o "bo funcionamento" do plan de prevención e as patrullas conxuntas con efectivos de ambos os corpos policiais. Nesta liña, anunciou tamén a posta en servizo de patrullas camufladas, dado o bo funcionamento que están a ter noutras cidades galegas.

Finalmente, informou de que está previsto que, a principios do ano que vén, entre en funcionamento o edificio anexo da Comisaría da Policía Nacional, que albergará o salón de actos, o arquivo e as brigadas; e cuxa remodelación supón un investimento que ascende a 888.080 euros.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presiden a Xunta Local de Seguridade
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presiden a Xunta Local de Seguridade | Fonte: SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta