Por Europa Press / Redacción | LUGO | 24/10/2023 | Actualizada ás 11:35
A Garda Civil prosegue coa investigación para esclarecer as circunstancias que rodean ao secuestro dun menor, de 16 anos de idade, ocorrido o luns en Burela. O adolescente atópase "ben" tras a súa liberación, segundo confirma a alcaldesa do municipio, Carmela López.
Os feitos ocorreron ao longo da xornada do luns, cun amplo operativo por unha rúa céntrica (rúa Rosalía de Castro) desta localidade mariñá. A presenza dos axentes chamou a atención dos veciños dado o importante despregamento desde primeira hora da mañá e ata a tarde. Foi precisamente o amplo operativo o que logrou que os dous presuntos autores do secuestro liberasen ao menor, veciño de Burela de 16 anos.
As dúas persoas detidas permanecen nos calabozos do cuartel da Garda Civil na localidade lucense, á espera de pasar a disposición xudicial ao longo da mañá deste mércores. En concreto, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os dous apresados serán trasladados ata o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro. Con todo, fontes do Instituto Armado explican que a investigación continúa aberta para coñecer os motivos deste suceso, polo que non se descarta que haxa máis apresados.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, confirma que o menor está "ben" e traslada o seu recoñecemento ás forzas de seguridade intervintes no operativo polo seu "éxito". A rexedora manifesta a súa "condena e repulsa polos feitos ocorridos" o luns no municipio e que sorprenderon a moitos veciños do centro. "Afortunadamente, saíu todo ben", gabia López, querendo ser prudente de non dar máis datos para favorecer o transcurso da investigación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.