Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 29/10/2023 | Actualizada ás 10:00
Pómoslle o ramo a este grupo de artigos en que nos adentramos no eido semántico da esquiva –ou, cando menos, do non acometemento de xeito directo e claro– de certos temas que aparecen no discurso, desta volta vendo certas secuencias que achegan o mesmo contido cá locución castelá sin rodeos.
Sin (andar[se] con) rodeos
{= Sen empregar palabras, frases, expresións… coas que se pretende darlle moitas voltas a algo para non dicilo directa, aberta e claramente }
Sen (andar con # vir con # ...) voltas # reviravoltas # rodeos # arrodeos
Ex.: Hablar claro y sin rodeos.
Fala claro e sen voltas ‡ sen reviravoltas ‡ sen rodeos ‡ sen arrodeos.
● Tamén:
Sin (andar[se] con) ambages # requilorios
Sen (andar con # vir con # ...) ambaxes # requilorios
● Tamén:
Sin andar(se) # ir(se) por las ramas
Sen andar # ir(se) polas ramas
[E MESMO]:
Sen andar # ir(se) polas pólas
Sen andar # ir(se) polas beiras
● E tamén, máis ou menos axeitadas en función do contextos:
Sen (andar con # vir con # ...) lerias # lerios # trapalladas # contos # historias
Sen (andar con # vir con # ...) trécolas # sécolas # dirindainas # andrómenas # pataqueiradas # muiñeiras
NOTAS:
1. Como xa indicabamos na anterior entrega, é de facer notar a posibilidade concorrencia, en non poucos contextos e coas debidas adaptacións que sexan necesarias segundo cada caso particular, entre estas locucións e as secuencias expresivas que vimos na mesma [isto é, as que dan conta do fraseoloxismo castelán andar(se) # ir(se) por las ramas].
2. Obsérvese tamén a relación semántica, e igualmente a posibilidade de confluencia nalgúns contextos comunicativos, destas expresións coas que habemos ver na seguinte entrega, que son as equivalentes á secuencia castelá no tener pelos en la lengua.
3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXV/75, pp. 70-88. Ano 1970.
- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.