Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2023 | Actualizada ás 18:15
As asociacións de hostalaría de Compostela emitiron este xoves un comunicado no que denuncian a "constante criminalización e discriminación" da que, consideran, son vítimas por parte do goberno local, que ten unha "especial inquina contra a hostalaría nocturna".
Os hostaleiros consideran que se trata dunha situación que "vén de lonxe", pero que "nos últimos tempos está a manifestarse na súa forma máis crúa", con "unha administración que mantén uns criterios interpretativos das normas absolutamente restritivos" e "con demoras inxustificadas na resolución dos expedientes, que con frecuencia terminan co peche de establecementos".
Entendemos que moitas destas resolucións ou ben teñen tinguiduras de arbitrariedade ou son aleatorias, provocando a indefensión dos afectados, presumíndose así nelas un ánimo de prexudicar ao sector", engaden. En base a isto, as asociacións de hostalaría de Compostela, (Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, Hosteleria.gal e Asociación Hostalaría Compostela) solicitaron unha reunión conxunta coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para "chegar a unha solución definitiva e áxil a esta situación".
INSPECCIÓNS
Pola súa banda, o Concello de Santiago manterá unha reunión de carácter informativo co sector da hostalaría e o lecer o próximo 2 de novembro, destinada a explicar o contido do plan para verificar as medidas de prevención de incendios de locais de lecer nocturno e infantil.
Precisamente este plan foi un dos puntos a debate no pleno ordinario deste xoves, no que o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, apuntou que levará a cabo a análise da situación de sete discotecas e outras tantas salas de espectáculos, ademais de salas de lecer e mesmo salas de xogo infantís.
A intención, dixo, "non é crear alarma social", como considerou que ocorre a edil Mercedes Rosón, se non "verificar que os establecementos se axustan" ao seu título habilitante e cumpren as condicións de evacuación e seguridade contra incendios para "dar tranquilidade ás persoas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.