Así se usa a madeira como terapia ocupacional

O CAD Souto de Leixa está situado en Ferrol e os traballos que realizan están destinados a reciclar madeira de diferentes procedencias.

Por Galicia Confidencial | Ferrol | 31/10/2023 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O Centro de Atención á Discapacidade (CAD) Souto de Leixa é un centro de titularidade pública, xestionado pola empresa CLE CE, en Ferrol. Neste CAD residen 95 usuarios e 33 máis que o usan como centro de día ou centro ocupacional. Segundo a dirección do centro, o traballo da madeira produce nos usuarios unha sensación de tranquilidade e calma. Tamén contan cun taller polivalente.

Actividades no CAD Souto de Leixa (Ferrol)
Actividades no CAD Souto de Leixa (Ferrol)

Un dos obxectivos desta actividade é facerlles ver aos usuarios que o traballo realizado ten utilidade. Gustavo Pampín, un dos usuarios, di que lle gusta todo o proceso coa madeira, desde a súa recollida no monte, mesmo cando a corta ou lixa. Moitos dos traballos que realiza fainos cos seus compañeiros como Gustavo Rico que gusta máis de serrar e montar, ou Juan Barco e Javier Casteleiro que fan patróns ou serran e Luis Gundín ao que lle encanta empregar ferramentas como chave de parafusos ou alicates. 

A monitora de carpintería, Ledicia López, describe o ambiente como moi positivo sempre que chegan ao taller cada día, ven a madeira e empezan a imaxinar cal pode ser o seu destino. «Son eles os que deciden e é iso é o máis lles motiva», subliña.

A reciclaxe é unha prioridade no CAD Souto de Leixa. Así, caixas de madeira para froita acaban converténdose en estupendos marcos de fotos ou nun portal de Belén, ou vellos armarios aos que se lles dá unha nova vida transformándoos noutro obxecto ou recupérandoos e decorándoos novamente.

No taller polivalente da man de “Monchi”, fan traballos diferentes empregando madeira, serraduras, papel ou cartón pedra, e actualmente encóntranse inmersos nun proxecto moi no que constrúen pequenas casas de madeira que serven de refuxio para os gatos sen dono.

A educadora social Miriam Lago, explíca como dan uso a todo o que fan e ensinar os traballos feitos. «Cando utilizan madeira, a creatividade xorde, e dunha idea aparece outra e outra máis, e parece que non ten fin.

EFECTOS PSICOLÓXICOS DA MADEIRA

Desde o CAD Souto de Leixa apuntan que en moitas ocasións "a presenza de madeira nas nosas contornas de vida xera un efecto psicolóxico positivo en nós, conectando ás persoas coa natureza, e nesta ocasión demostramos un paso máis alá".

Hai outras cualidades que nos ofrece a madeira como a cor, o aroma, o son, a textura ou a súa xeometría. Todas elas empréganse en diferentes usos terapéuticos para a gran diversidade de persoas con diferentes capacidades, facilitando a estimulación sensorial ou mellorando habilidades motrices.

PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que promove a xestión forestal sostible do monte galego a través da certificación forestal. Por iso desenvolve diferentes actividades divulgativas, non só para que os propietarios ou profesionais do sector forestal obteñan un selo que garanta a boa xestión que realizan nos montes ou asegurar a rastrexabilidade da madeira en toda a cadea de transformación ata que chegue ao consumidor final, “senón que consideramos esencial que a cidadanía visualice a multitude de beneficios que aporta esta materia prima renovable, a madeira”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta