Por Galicia Confidencial | Verín | 05/11/2023 | Actualizada ás 10:00
O Comité de designación de sedes de partidos da RFEF decidiu que as localidades galegas de Verín (Ourense) e Salvaterra de Miño (Pontevedra) acollerán os días 7 e 8 de novembro os dous encontros amigables entre España e Portugal. Un dobre compromiso entre as dúas grandes potencias do fútbol sala feminino europeo, que volverán verse as caras logo de medirse por última vez na semifinal do Europeo en Debrecen (Hungría).
A celebración destes partidos será posible grazas á estreita colaboración entre a RFEF, a Real Federación Galega de Fútbol e os concellos das dúas localidades elixidas, que xa traballan en todo o necesario para esta gran cita do 40x20 de seleccións nacionais.
O partido que se celebrará na vila do Támega terá lugar o martes 7 de novembro, ás 18:30 horas, podéndose seguir a través de Teledeporte e RTVE Play. A selección española volve así a Galicia case catro anos despois. A última vez que xogou en Galicia fora en decembro de 2019, cando España xogara contra Xapón en Pontevedra e Burela, con vitorias por 8-0 e 4-2.
Este encontro deportivo foi presentado o venres 3 de novembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín contando coa presenza do alcalde de Verín, Gerardo Seoane e do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo; ademais da seleccionadora nacional, Claudia Pons; do presidente do Comité Nacional de Fútbol Sala, José Miguel Monje; do presidente do Comité Galego de Fútbol Sala e Pablo Prieto; e do vicepresidente da delegación de Ourense da Xunta de Galicia, José Manuel Fernández.
"É unha honra e un orgullo para Verín ser o anfitrión dun evento deportivo desta magnitude" salientou Gerardo Seoane, engadindo que "a chegada da Selección Española Absoluta Feminina de fútbol sala a nosa vila demostra o compromiso de Verín co deporte e a nosa capacidade para albergar eventos de nivel internacional".
ACTO COLABORATIVO
O concelleiro de Deportes, Diego Lourenzo, anunciou tamén que, ademais deste emocionante partido, o luns 6 de novembro, ás 11:00 horas, levarase a cabo un acto colaborativo escolar-deportivo no Pavillón da Granxa. Neste evento, as xogadoras da selección española, acompañadas polos representantes institucionais municipais, recibirán a máis dun centenar de nenos e nenas procedentes dos centros escolares de Verín. "Os estudantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man as súas valiosas experiencias como xogadoras profesionais e achegarlles o apaixonante mundo do fútbol sala á próxima xeración de deportistas da nosa comunidade", finalizou Lourenzo.
CATRO GALEGAS NA CONVOCATORIA
A seleccionadora absoluta de fútbol sala, Clàudia Pons, fixo oficial a convocatoria para os encontros amigables fronte a Portugal que se disputarán os días 7 e 8 de novembro en Verín (Ourense) e Salvaterra de Miño (Pontevedra), respectivamente.
As xogadoras galegas convocadas son: Silvia Aguete (MCD Torreblanca Melilla), Ale de Paz (Poio Pescamar), Luci Gómez (AE Les Corts UBAE) e Vane Sotelo (Arriva AD Alcorcón).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.