Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/11/2023 | Actualizada ás 15:50
Traballadores e comité de empresa de Irosa-Samaca impediron a saída dun tráiler cargado de lousa da nave desafiuzada no municipio ourensán de Carballeda de Valdeorras. Ás 19.30 horas do pasado xoves, cando terminaba a xornada laboral na louseira que mantén a súa actividade, un tráiler accedía á Praza de Samaca para ser cargado de lousa.
Trátase dunha zona de almacenaxe que foi desafiuzada o pasado mes de setembro pola Garda Civil e a secretaria xudicial. Veciños e traballadores déronse conta do que sucedía e se personaron no lugar xunto con sindicatos e o comité de empresa para evitar que o vehículo fose retirado con cargamento.
A zona de almacenaxe contén palets de lousa que, a causa do desafiuzamento, non puideron sacarse á venda que calculan que ten un valor de "millóns de euros en lousa" e que os sindicatos reividican que "pertencen aos traballadores". "Entrou á nave un tráiler con dous camioneiros e un tráiler non entra a facer turismo. Nós deixaremos que saia o camión, pero que saia baleiro", explica o portavoz da CIG, Francisco Moral, que afea que "a entrada do camión fíxose xa caída a noite e ao peche da xornada laboral".
"Están a xogar co pan dos traballadores. Sería un roubo", opinou Moral, que traslada que o camión non abandonou a nave desde que entrou onte e promete que non deixarán que o faga "a menos que saia baleiro". Pola noite, tres comuneiros accederan á nave acompañados do tráiler e saíron escoltados pola Garda Civil pasadas as 22.30 horas porque eles mesmos fixeron as chamadas ao sentirse "inseguros", segundo relatan os sindicatos, que aclaran que "a noite discorreu sen incidentes e tampouco houbo insultos nin berros".
Este venres a xornada transcorreu con normalidade. Os traballadores puideron acudir ao seu posto de traballo, na parte que segue en funcionamento, mentres que na zona desafiuzada permanece o vehículo ao que non deixan saír a menos que descargue a lousa. Para evitar que o faga, situaron unha máquina de gran tonelaxe no acceso que non permite que ningún vehículo entre ou saia do recinto.
"Non sabemos canto vai durar isto nin sabemos onde ía a carga, porque calculamos que se veñen dous camioneiros, que continúan dentro da nave desde onte á noite, era un desprazamento longo", indica Moral, quen sinala que continuarán vixiando as instalacións. A finais do mes de outubro o comité de empresa que conforman CIG e Comisións Obreiras conseguiu falar co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, aproveitando unha visita do titular autonómico a Valdeorras, con motivo da inauguración dun foro de emprendimiento.
Nese momento entregáronlle un escrito explicando a situación pola que atravesa a louseira e os seus máis de 200 traballadores, posto que o 29 de novembro é a data na que se decretou o desafiuzamento e se leva a cabo realizaríase o peche do grupo louseiro por un conflito sobre a propiedade dos terreos entre a empresa e os comuneiros.
A EMPRESA E OS COMUNEIROS CHEGAN A ACORDO
O grupo louseiro Irosa-Samaca e a comunidade de Montes Portela Trigal de Carballeda de Valdeorras chegou este venres a un preacordo tras unha reunión entre a directiva da empresa e os comuneiros. O principio de acordo, do que non transcenderon os detalles, alcanzouse na reunión celebrada tras o conflito desatado nesta tarde-noite do xoves, cando un tráiler accedeu á zona de Samaca desafiuzada por orde xudicial no mes de setembro. Os comuneiros esixen manter os postos de traballo dos case trescentos empregados, 200 deles, directos. "En principio hai un preacordo para cumprir o obxectivo, falta asinar e formalizar e seguimos negociando, pero parece que se cumprirá", trasladaron desde a CIG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.