Tensións na Consellería de Economía: Rueda evita dimisións, polo momento

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, é a único alto cargo que quedou da época de Francisco Conde tras a súa marcha a Madrid con Feijóo. A nova conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, aposta claramente polo Igape, onde situou a unha das persoas da súa máxima confianza, Covadonga Toca. Deixou a innovación para impulsar o sector industrial, principalmente o éolico,

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tensión no Goberno galego e non se trata dunha tensión de baixa intensidade senón dun problema que ameza con causar problemas serios ao Goberno de Rueda nun momento no que a pelota da política está no tellado alleo, principalmente, no PSOE, tras o pacto de Pedro Sánchez cos independentistas cataláns. Os problemas para o presidente galego chéganlle dalgunhas consellerías nas que houbo cambio de titular tras a marcha de Feijóo, pero, especialmente, da de Economía.

Alfonso Rueda e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana
Alfonso Rueda e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana | Fonte: Xunta

 

E é que segundo puido saber Galicia Confidencial, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou hai uns días a súa dimisión por entender que o seu departamento estaba completamente minusvalorado desde a chegada da nova conselleira, María Jesús Lorenzana. Unha dimisión que Rueda non tería aceptado polo momento á espera de tentar solventar unha tensa relación que mantén esta directora xeral coa súa conselleira e o equipo que trouxo con ela logo da marcha de Francisco Conde.

 

Os problemas veñen xa desde o momento da aterraxe de Lorenzana no seu novo departamento pero agudizaronse, especialmente, tras a presentación dos orzamentos xa que "innovación" deixa de ser unha das prioridades desta consellería, ou cando menos, o que xestiona a Gain xa que moitas das súas politicas, e orzamentos, pasan a ser xestionadas polo Igape, dirixido, agora, por unha persoa da total confianza da conselleira.

A directora da Axencia Galega da Innovación, Patricia Argerey Vilar
A directora da Axencia Galega da Innovación, Patricia Argerey Vilar | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

 

PATRICIA ARGEREY, MULLER DA CONFIANZA DE CONDE E FEIJÓO

 

Patricia Argerey é un dos poucos altos cargo que continuou no seu cargo tras a chegada de Lorenzana. Levaba con Francisco Conde dez anos ata a marcha do ex vicepresidente segundo a Madrid, primeiro como xefa de gabinete da súa consellería, de 2013 a 2016 e logo como director da Gain, desde esa ano ata a actualidade. Previamente, fora asesora de Feijóo desde que accedeu á Xunta en 2009.

 

Tras a chegada de Lorenzana a Consellería de Economía tivo lugar un cambio importante nos principais órganos deste departamento. Coa marcha de Conde, no verán de 2023 cesaron tres altos cargos da súa máxima confianza: Pablo Casal na Secretaría Xeral Técnica da Consellería, Paula Uría como secretaria xeral de Industria, e Fernando Guldrís no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

 

Lorenzana trouxo con ela a dous cargos da súa máxima confianza;  Covadonga Toca Carús, ex directora Xeral de Emprego e a José Ramón Pardo, ex secretario xeral de Emprego. Os dous ocuparon a dirección do Igape e a Secretaría Xeral Técnica de Economía, respectivamente.   Pola súa banda, Nicolás Vázquez, ex secretario xeral de Medio Rural ocupou a Dirección Xeral de Industria.

 

PRIORIDADES, O IGAPE E A POLÍTICA INDUSTRIAL, PRINCIPALMENTE, A EÓLICA 

 

A pesar de que os orzamentos de Economía, Industria e Innovación soben por riba do 5%, ata acadar os 435 M€, a maior parte dos mesmos serán para o Igape co obxectivo de "impulsar o despegue industrial e enerxético de Galicia", especialmente, no que ten que ver coa enerxía eólica. Entre as prioridades; eliminar a burocracia administrativa, ofrecer financiamento e facilidades de acceso ao solo industrial e en reforzar a I+D+i. De aí, a creación da Oficina Económica de Galicia, un órgano de asesoramento técnico e administrativo adscrito ao Igape, que funcionará como única canle de interlocución coa empresa e estará dotado con máis de 5,7 M€. 

 

Durante a súa comparecencia na Cámara galega, a propia Lorenzana aclarou que o Igape vai dar un salto tecnolóxico para a dixitalización e automatización de procedementos. Xunto con isto, desde aí, a Xunta activará 95,7 M€ en instrumentos financeiros e catro novas liñas de apoio a empresas.  De feito, case a metade do orzamento da consellería vai ser para o Igape tal e como avanzou tamén a directora deste organismo, Covadonga Toca, na Cámara galega. Chegarán case ata os 213 millóns de euros, unha suba de algo máis do 3%.

 

O GAIN, PARA "FORMULAR E DEBATER PLANS"

 

Con respecto ao orzamento da Axencia Galega de Innovación será de 29 millóns de euros e cun papel case "consultivo". A conselleira anunciou que se vai crear a Mesa de Empresa-Innovación entre o sector público, empresarial e os axentes sociais pero só para "formular e debater plans, instrumentos e medidas de impulso á I+D+i no tecido empresarial".

 

Outras medidas deste departamento serán 3 millóns durante os primeiros meses de 2024 para abrir a convocatoria do programa de misións, dun montante de 15 M€ en total, para promover proxectos de I+D+i entre consorcios participados por centros de investigación, grandes empresas, pemes e centros tecnolóxicos. Tamén se convocarán as axudas de fortalecemento e ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos, ás que se destinarán 4,5 M€ en 2024, dun importa total de 10 M€. Por outra parte, o obxectivo é mobilizar en torno a 14 M€ en compra privada de innovación. Ademais, no tocante ao ámbito da computación, destinaranse 8 M€ -dun total de 47 M€ que se esperan recibir dio MRR- á adquisición do QMIO II, un segundo computador cuántico para o Cesga, e do Finisterrae IV.

 

Por outra banda, outros departamentos desta consellería, como o Instituto Gallego do Consumo e a Competencia queda cun orzamento de 13,1 e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) con 77 millóns.

 

PAPEL IMPORTANTE DA INNOVACIÓN CON FRANCISCO CONDE

 

As prioridades do ex conselleiro de Economía, Francisco Conde, eran moi diferentes. Meses antes de deixar o seu posto para ir a Madrid con Feijóo, destacaba que un dos obxectivos do seu departamento ao longo do 2023 ía ser incrementar o número e a diversidade de pemes e microempresas innovadoras en Galicia e que o talento tecnolóxico frutifique en novos proxectos empresariais. A iso destinou 40 millóns de euros do orzamento da Vicepresidencia económica. Destaca o apoio a iniciativas como o Polo Aeroespacial de Galicia (máis de 27 millóns de euros); o Polo de Tecnoloxías Cuánticas (22,5 millóns); ao sector biotech (10 millóns), o Polo biotecnolóxico de Galicia na Sionlla; e as Unidades Mixtas de Investigación (28,2 millóns de euros).  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta