Por Europa Press / Redacción | Santiago | 29/11/2023 | Actualizada ás 15:14
Os homes con emprego a xornada completa gañaron de media 2.222,9 euros brutos mensuais en 2022, o que supón 340,8 euros máis que as mulleres, cuxo salario foi de 1.882,1 euros, segundo datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este mércores.
O salario medio de traballadores a tempo completo en Galicia sitúase en 2.253,7 euros brutos ao mes, 1.418 euros por encima do salario medio das persoas a tempo parcial (835,6 euros). A metade da poboación asalariada en Galicia gaña menos de 1.734,2 euros ao mes.
Así mesmo, o 18,66% dos homes recibiu un salario inferior aos 1.417,55 euros mensuais en 2022, o que contrasta co dato de mulleres, que é do 41,85%. Aquí, chama a atención de que un 5,8% dos homes tiña xornada parcial en 2022, mentres que o 22,4% das mulleres estaba nesta situación.
O 69% dos asalariados con xornada parcial gana menos de 986 euros mensuais (en termos brutos). No tocante a persoas con xornada completa, en 2022 aínda había un 0,45% que gañaba menos de 1.000 euros.
Os asalariados a xornada completa son o 86% do total. O 20% ingresou menos de 1.417,55 euros ao mes; o 45% entre 1.417,55 e 2.241,87 euros; mentres que o 34,6% cobra máis de 2.241,87 euros mensuais.
NIVEL DE ESTUDOS
O 48% das persoas asalariadas con estudos superiores ingresou máis de 2.241,8 euros ao mes; unha taxa que baixa ao 16,8% no caso dos que só conten con educación secundaria. A cifra queda no 8,8% para os que non completaron secundaria e só do 1% para persoas analfabetas ou con estudos primarios.
A ocupación co maior salario bruto mensual en 2022 en Galicia é a de dirección e xerencia, cunha media de 4.803 euros ao mes. Séguenlle técnicos e profesionais científicos (3.138 euros). Na parte baixa da táboa están as ocupacións elementais (1.223,6 euros).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.