Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 05/12/2023 | Actualizada ás 21:00
Como se orixina o 'Feísmo' en Galicia? Viaxamos no tempo, co que nos conta o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de A Patrigal e administrador de Maltrato da paisaxe. "O cambio de paradigma sucedeu despois da segunda emigración, cando marcharon a Europa unha serie de expertos, que había en cada vila, que se dedicaban a reconstruír, restaurar ou retellar”, explica. Coa súa partida tamén desapareceron estes oficios que se levaron para fóra e se xeraron novos estereotipos. “A casa de madeira ou con tella asóciase coa pobreza e o formigón co moderno”.
Carlos fai fincapé en que se leva máis de 60 anos "maltratando a paisaxe". Di que en Galicia hai preto de 150.000 edificios a ladrillo sen rematar e aínda que exista máis conciencia, é difícil arranxalo todo. Incluso fala de que os propios plans urbanísticos “as veces maltratan a paisaxe” e pon o exemplo de Chantada onde hai casas tradicionais de dous andares e de repente unha de 5 plantas. “Isto recollido no Plan e con beneplácito da autoridade municipal”, afirma.
A PAISAXE É DE TODOS E TODAS
“A fachada vai vela todo o mundo" di Fernández Coto e engade “a túa casa é túa, pero a paisaxe é de todo o mundo”. Por iso demanda que haxa unha empatía urbanística e social que pase por non desordenar a paisaxe. “A xente debe cambiar sinerxías e sentir orgullo do lugar co que debe ter unha vinculación emocional”, destaca e co tema da reciclaxe, o arquitecto, pensa que o somier se pode levar ao Punto Limpo e así non transformar a paisaxe.
A Alba Vázquez Carpentier, o seu traballo fotográfico permitiulle ver como o concepto do feísmo estaba influenciado polas costumes e diferentes formas de facer. “Nas vilas costeiras usan redes de pesca, mentres no interior ves o somier, e a bañeira para que beba o animal está en todas partes”. Tamén destaca que todo o que se ve de portas para fóra xa non é privado e máis cando afecta á paisaxe. “É unha cuestión cultural e hai que arranxalo con educación”, reivindica.
COMO SE COMBATE O 'FEÍSMO'?
Preguntámoslle a un arquitecto polas solucións ante este fenómeno que se produce no rural e nas cidades. Jorge Rodríguez Álvarez, arquitecto e profesor de Urbanística e Ordenación do territorio na UDC, destaca que fai falta unha maior consideración e tomarse en serio a intención paisaxística de cada actuación. "Non é problema se un paisano pecha unha finca, o problema é o tendido alta tensión, os parque eólicos, aqueles proxectos de gran escala", expón e engade que non se deciden aquí.
"A creación da autopista na ría de Pontevedra, que parte Poio e evita a súa relación coa ría, é un proxecto do Ministerio no que o concello inflúe pouco". Como outra medida propón incorporar máis paisaxistas no eido profesional, equipos de enxeñería que traballan no territorio, con voz e solucións, por ser xente concienciada coa paisaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.