SOS Sanidade Pública convoca unha manifestación por uns orzamentos "xustos" para o 4 de xaneiro en Santiago

"A cidadanía sabe que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades", din desde a Plataforma.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública anunciou unha manifestación para o domingo 4 de febreiro ás 12,00 horas, desde a Alameda de Santiago, para reclamar uns orzamentos "xustos" coa sanidade pública, xa que consideran que os actuais non cobren as súas necesidades. Ademais, concentraranse fronte ao Parlamento galego o 19 de decembro ás 12,00 horas.

Nunha rolda de prensa ofrecida este martes, a plataforma explicou que consideran que os orzamentos presentados pola Consellería de Sanidade "non responden as necesidades reais da Sanidade Pública e consolidan a situación actual de enfraquecemento e privatización".

"A cidadanía sabe que a situación da Atención Primaria é límite e que necesitaba un impulso importante para poder desenvolver as súas capacidades. E este impulso non aparece nos orzamentos presentados, que están lonxe do obxectivo do 25% do orzamento da sanidade pública, quedando no 14%", aseveraron.

Consideran, ademais, que a atención hospitalaria continúa "arrastrando" un problema de accesibilidade, "con listas de espera non publicadas". A este respecto, afirman que só se publican as estruturais, "o que ocasiona atrasos nos procesos, xa que os diagnósticos tardan máis en confirmarse e as intervencións cirúrxicas tardan en realizarse".

Así mesmo, destacan o "importante" problema de falta de profesionais tamén nos hospitais, "que teñen que atender a máis pacientes ingresados que os que recomendan as sociedades científicas".

SAÚDE MENTAL

Outro dos temas abordados na rolda de prensa foron as enfermidades relacionadas coa saúde mental, "un problema emerxente na sociedade actual" e ao que, censuran, resulta "evidente" que a sanidade pública "non está a dar a resposta que se necesita".

"A proba é o elevado número de psicofármacos que toma a poboación, cando sabemos que hai alternativas mellores á resposta farmacolóxica, a única posible cando faltan profesionais" Por iso, reclaman a presenza da Psicoloxía Clínica en Atención Primaria, "non dunha forma simbólica, senón como parte importante da resposta que ten que ofertar a sanidade pública".

Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública
Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública | Fonte: SOS Sanidade Pública

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta